Site icon Crónica3.com A Mariña

O Burela FS arrinca a Liga con empate ante Soto del Real (1-1)

O Burela FS Pescados Rubén arrincou a nova aventura de liga 2013-14 con empate na casa ante o Soto del Real (1-1). As pupilas de Quico Otero, con dominio na pista e vantaxe no luminoso ata a recta final, mereceron máis; o tanto das madrileñas a catro minutos para o final outórgalles ás laranxas un punto que sabe a pouco.

Optaron as burelistas pola posesión do balón desde a bucina inicial marcando os tempos. O primeiro grande oco atopouno Maite no minuto 3, ao bordo da liña de meta, a pase de Peque. Pouco a pouco, o Soto tamén intentou adiantar filas, aínda que sen chegadas de perigo. Superado o ecuador da primeira parte, Lara desaproveitou unha colaboración longa de Lidia e Peque non puido controlar un balón morto ante Anita. En torno ao 12, Lidia dispuxo dun disparo en xogada de estratexia, que se lle foi moi alto, e pouco despois Bea Mateos intentou sorprender a portería rival tamén desde balón parado. Maite volveu intentalo no 13, cun lanzamento raso escorado que case roza o pau. Despois de que as sotorrealeñas contasen coa súa ocasión máis clara, rozando o pau nun lanzamento alto (minuto 15), por fin se materializou o dominio do Burela FS; no minuto 16, Lidia Mesías transformou en vantaxe un pase cruzado de Bea Mateos que recibira de lonxe de Peque.

Tras o descanso as visitantes buscaron a sorpresa sobre a meta galega. No 23, a escuadra laranxa desbaratou unha tentativa afastada do Soto. Peque tamén quixo facer o propio roldando o 25, obstaculizada por Anita. Máis tarde, Patri estivo acertadísima cos pés para sacar unha rápida chegada de Chili sobre a área galega e Lara despexou un rexeitamentos logo dun corpo a corpo de Laura Jiménez sobre Lidia, que tombou á mariñá. Pero volveron as burelistas á carga. Nas zapatillas de Maite, desde saque de esquina, puido estar o segundo gol das con brillo laranxa, antes de cumprirse a medianía da segunda parte. No 31, a bancada de Vista Alegre a punto estivo de cantar unha nova fazaña de Lidia, empuxando un balón perdido na área que acabou despexando a defensa sotorrealeña a piques de coarse na meta visitante. Cando menos o merecía o Burela FS Pescados Rubén, chegou o empate do Soto, cun potente disparo de Patri (minuto 36). Maite, de lonxe, e Peque aínda tiveron magníficas ocasións para facerse co electrónico no último minuto de xogo, sen tempo para máis.

Ficha técnica
Burela FS Pescados Rubén: Patri, Claudia, Peque, Bea Mateos e Maite, no cinco inicial; tamén xogaron Lidia Mesías, Lara

VP Soto del Real: Anita, Chili, Patri, Coral e Martica , no cinco inicial; tamén xogaron Laura Jiménez, Clara, Anilla

Goles: 1-0, minuto 16, Lidia Mesías; 1-1, minuto 36, Patri

Árbitros: Alcón Marcos e Fernández Formoso, do colexio asturiano

Tarxetas: Por Burela FS amarela a Bea Mateos (minuto 38)

Incidencias: Partido disputado en Vista Alegre correspondente á 1ª xornada de Primeira División RFEF. Arredor de 600 espectadores

Exit mobile version