Site icon Crónica3.com A Mariña

O Burela FS foi elixido mellor club da tempada 2012/13 na III Gala de Fútbol Sala galego celebrada en Lugo

Burela, 21 de setembro de 2013. O alcalde de Burela, José María González Barcia, acompañou ó Burela Fútbol Sala na III Gala do Fútbol Sala galego que tivo lugar onte no Edificio Multiusos da Xunta en Lugo.

Durante o acto, que estivo presidido polo Presidente da Federación Galega de Fútbol Sala e a Delegada Territorial da Xunta en Lugo, o Burela Fútbol Sala foi distinguido co premio ó mellor club galego da temporada 2012-2013, premio que lle foi entregado precisamente polo alcalde burelés ó patrocinador do club, Rubén Blanco.

Ó acto, asistiron varias xogadoras do equipo feminino que a temporada pasada acadou nada menos que a Liga e a Copa de España, e que foi subcampión da Supercopa; tamén asistiron representantes do corpo técnico e da xunta directiva do club.

González Barcia manifestou que “é un verdadeiro orgullo poder contar con un club como o Burela Fútbol Sala que está levando o nome de Burela por toda a xeografía española, a base de traballo, esforzo e moita ilusión, que son os valores que axudan a gañar os títulos e que a tempada pasada acadou o equipo feminino. Polo tanto, é unha enorme satisfacción poder asistir a unha Gala coma esta, e maior aínda a satisfacción de poder entregarlle o premio de mellor club ó club da túa vila”.

Exit mobile version