Site icon Crónica3.com A Mariña

O campo de fútbol de herba artificial da Marosa poderá ser utilizado con normalidade a partir do mércores

Burela, 2 de setembro de 2013. A partires do vindeiro mércores, 4 de setembro, poderase volver utilizar para a práctica deportiva o campo de fútbol de herba artificial da Marosa. Este luns concluíron os traballos que se viñeron acometendo nos últimos días.

O alcalde, José Mª González Barcia, explicou que “hoxe remataron os traballos de acondicionamento do céspede de herba artificial do recinto deportivo da Marosa, que supuxeron a mellora de xeito considerable do céspede en si mesmo porque presentaba zonas nas que se despegara. Estaban afectados un total de 800 metros lineais, o que representa a cuarta parte do campo de fútbol”.

O rexedor dixo que “as obras remataron esta mesma mañá e o mércores o campo xa poderá ser utilizado con total normalidade. Deste xeito o que facemos é contribuír a ter as instalacións deportivas no mellor estado posible e no caso do campo de fútbol de herba artificial a ter en condicións unha obra que lle supuxo á Xunta de Galicia un investimento de practicamente medio millón de euros”.

Cemiterio municipal
González Barcia manifestou que “estes días procédese ao acondicionamento xeral, a fondo, do cemiterio municipal. Limpáronse as rúas interiores e nos vindeiros días procederase ao desbroce das zonas de baldío dentro do recinto do cemiterio”. E engadiu que “a limpeza é un traballo que se fai de xeito habitual, pero nesta ocasión fíxose máis a fondo para tentar mantelo en condicións ata os días previos á festividade de defuntos, datas nas que se volverá a actuar nesas instalacións”.

Exit mobile version