Site icon Crónica3.com A Mariña

O CC Buril organiza as XIV Xornadas de Teatro que terán lugar en Burela do 3 ao 6 de outubro

A Casa da Cultura de Burela acollerá do 3 ao 6 de outubro as XIV Xornadas de Teatro organizadas polo Colectivo Cultural Buril.

As Xornadas de Teatro de Burela foron organizadas polo Buril entre os anos 1986 e 1998, chegando a ser un dos referentes no panorama teatral galego do momento. Despois de varios anos de interrupción, as Xornadas eran recuperadas o ano pasado, coa vontade de dar continuidade a unha das actividades do colectivo que contaron con maior resposta de público en Burela. Por outra banda, as Xornadas de Teatro, tamén queren cobrir un baleiro que a día de hoxe existe na programación cultural, entendendo que deben ser os colectivos de base os que funcionen como motor na promoción e difusión da cultura galega en calquera dos seus ámbitos e manifestacións.

As XIV Xornadas de Teatro incrementan un día a súa programación con respecto á edición do pasado ano. Mofa & Befa, Cándido Pazó, Fantoches Baj e o grupo teatral do Colectivo Ollomao serán as catro compañías que pasarán pola Casa da Cultura de Burela entre o 3 e o 6 do próximo mes de outubro, onde terán cabida tanto o teatro profesional para público adulto e público infantil, como o teatro afeccionado para todo tipo de público. As entradas terán un prezo de entre os 3 e 6 €, sendo gratuítas para socios e socias do Buril e menores de 14 anos. O sábado haberá unha sesión teatral infantil para nenos e nenas de 4 a 12 anos con entrada de balde.

PROGRAMA:
Xoves 3, ás 21:30 h: “Sempre ao Lonxe”, Mofa & Befa.
Entrada: 6 €

Venres 4, ás 21:30 h: “As do Peixe”, Cándido Pazó.
Entrada: 6 €

Sábado 5, ás 18:00 horas: “RodariRodari”, Fantoches Baj Contacontos musical infantil.
Entrada de balde

Domingo 6, ás 20:00 horas. “Os vellos non deben de namorarse” Ollomao.
Entrada: 3 €

*BONO 4 días: 12 €
*Soci@s Buril: entrada de balde

Exit mobile version