Site icon Crónica3.com A Mariña

Riotorto acollerá este martes unha charla informativa sobre as multas aos emigrantes retornados

A Asociación de Emigrantes Retornados da Mariña vai celebrar o martes 24 de setembro ás 22:00 horas, no Centro Social e Cultural de Riotorto, unha reunión informativa na que están convocados todas e todos os veciños e veciñas da comarca da Mariña, de xeito moi particular da área de Riotorto, isto é de Trabada, A Pontenova e Pastoriza que teñan emigrado e que a día de hoxe están cobrando unha pensión do estranxeiro, a fin de explicarlles o problema, aclarar as dúbidas e manternos informados dos pasos a dar diante das inspeccións que nos vai facer facenda e de presentar as alegacións oportunas diante da primeira petición que chegará reclamándonos o diñeiro.

A Asociación, que se ven de constituír formalmente a semana pasada e que xa agrupa a máis de 200 afectados, vai a continuar informando aos mariñaos e mariñás sobre esta problemática, posto que a día de hoxe a grande maioría dos afectados, isto é dos emigrantes retornados que por non chegar ao máximo legal non estaban obrigados a facer a declaración da renda, non son coñecedores de que a Axencia Tributaria está procedendo a inspecionalos nuns casos e noutros a sancionalos, o que provoca problemáticas diferentes. Neste sentido desde o colectivo temos aberta unha conta de correo electrónico emigrantes.retornados.amariña@gmail.com que pretende funcionar como unha oficina virtual de información aos afectados, neste sentido solicitamos de aquelas persoas que queiran facer chegar as súas dúbidas para ser resoltas por un asesor fiscal poidan facelo.

O colectivo de afectados da Mariña denunciou que a maiores das sancións que lle están impor aos emigrantes pola dobre imposición e que foi o obxecto do nacemento deste colectivo, a facenda tributaria está abrir unha nova vía para recadar pola vía do que fixa o modelo 720 e que determina multas de entre 30.000 e 10.000 euros para aqueles emigrantes retornados que tendo bens no estranxeiro que superen en total os 50.000 euros non procederan a facer unha declaración informativa indicando que se é propietario dos mesmos. Os bens obxecto deste modelo de declaración son contas, valores, dereitos, seguros, rendas, bens inmóbeis e dereitos sobre bens inmóbeis, entrou en vigor en xaneiro deste ano finalizando o prazo para declarar en marzo de 2013, nos anos anteriores non se declaraba por este concepto, asemade a multa non só afecta a quen non fixese a declaración informativa senón tamén a quen esquecese de incluír algún ben na mesma.

Os afectados e as afectadas coinciden na necesidade de agruparse e presionar ao Goberno ao fin de que se proceda a modificar a actual normativa na liña das proposicións non de lei propostas pola totalidade das forzas da oposición no Congreso e nas que se propón a supresión dos intereses de demora e as eliminación das sancións que a día de hoxe afectan arredor de 30.000 persoas no noso país. Non é tolerábe, na nosa nosa opinión, é unha autentica inxustiza que o mesmo Estado que nos obrigou a emigrar, o mesmo Estado que nos botou polo mundo adiante e se aproveitou das divisas do noso traballo, agora nos multe impedindo resolver un erro provocado por eles, mentres promove amnistías fiscais para os ricos e os millonarios, entres eles algúns banqueiros que xa nos roubaron nas preferentes. Non temos a máis mínima dúbida de que estamos diante dunha estafa das dimensións da das preferentes onde mesmo se ten pretendido cobrar a persoas que morreron en 2009 ou 2010.

Exit mobile version