Site icon Crónica3.com A Mariña

O Colectivo Cultural Ollomao pon en marcha un novo curso de teatro para nenas e nenos de entre 6 e 12 anos

O C.C. Ollomao vén de clausurar recentemente o “Obradoiro de teatro infantil” impartido por Noela Fernández Soto e Roberto Casas, que contou coa colaboración da actriz barreirense Estíbaliz Veiga, e que tivo lugar durante os meses de Xullo e Agosto. Tras o éxito acadado nesta actividade, cunha participación de ata 22 nenas e nenos, e a petición das e dos propios participantes, o colectivo decidiu dar continuidade á mesma e convocar unha nova edición do curso de teatro infantil.

A participación está aberta a todas as nenas e nenos de entre 6 e 12 anos (ambas idades incluídas) tanto residentes en Barreiros como nas localidades do arredor, que desexen participar. O obradoiro seguirá a ser impartido por Roberto Casas, educador social con experiencia previa no mundo do teatro. Esta actividade realizarase no Canteiro (antigas escolas de San Pedro de Benquerencia) e está previsto que teña lugar un mínimo de dous sábados ao mes, dende outubro a maio, empezando, por tanto, o día 5 do vindeiro mes.

O coste total da actividade estará cofinanciado polo colectivo, tendo que abonar unha cota de 10€ ao mes por cada alumna ou alumno. O número de prazas é limitado e todas as nenas e nenos que desexen tomar parte nesta actividade poderán ser inscritos, ata o día 30 de Setembro, enviando un correo electrónico ao enderezo colectivo.cultural.ollomao@gmail.com ou ben por teléfono, no número 650542932 (Tamara).

Exit mobile version