Burela, 25 de setembro de 2013. O Concello contratará a un orientador/a laboral durante un ano. Será grazas á concesión dunha subvención de 20.000 euros por parte da Consellería de Traballo. José Casas, concelleiro de Emprego, subliña que “deste xeito reforzamos o organigrama que o Concello deseñou para loitar contra o paro”. As bases para a contratación publicaranse en breve.
O edil popular lembrou que “o Concello de Burela traballa en dúas frontes: a formación e a orientación. Sesenta persoas se están a formar en 4 cursos subvencionados ó 100% pola Xunta de Galicia. Acabamos de impartir ademais un obradoiro de emprego e temos outro en marcha xunto cos Concellos de Cervo e Xove”. José Casas engadiu que “desde o noso Concello traballamos tamén na orientación laboral daquelas persoas que así o demandan. Mantemos contactos con empresas para coñecer as súas necesidades e poder facerllas chegar a aqueles demandantes de emprego que se achegan ata os nosos servizos. E neste sentido seguiremos a traballar nos vindeiros meses”.