Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela ultima detalles nas rúas de Torrentes

Burela, 21 de setembro de 2013. O concello burelés recibiu este venres a urbanización da unidade de actuación de Torrentes, pero segundo confirmou o concelleiro de Obras e Seguridade, Manuel Fernández Valle, “nas últimas semanas e máis concretamente nestas dúas últimas xa viñamos traballando para poder recibilas”.

Fernández Valle indicou que “a empresa construtora e o propio Concello fixemos unha serie de actuacións tendentes a subsanar aquelas deficiencias detectadas por distintas causas. Así, levouse a cabo un acondicionamento da mediana da rúa principal da unidade de actuación, eliminouse a maleza que estaba invadindo algunhas beirarrúas, todo de cara a facilitar no seu día o uso e disfrute das novas rúas por parte dos cidadáns. Así mesmo, deuse un salto cualitativo no que se refire ás medidas de seguridade vial”.

O concelleiro de Obras e Seguridade manifestou que “ese salto cualitativo consiste na colocación de elementos que entendemos que deben minorar a velocidade dos coches, como bandas rugosas en certas zonas, e outro tipo de sinalización vertical para advertir ós condutores de vehículos”.

Manuel Fernández Valle ten claro que “as modificacións do tráfico que se van a producir nas rúas que circundan a unidade de actuación, especialmente Pascual Veiga e as proximidades da zona verde de Torrentes, en xeral van ser positivas. É certo que de entrada poden xerar algún problema, e para que iso se minimice todo o posible será preciso, cando se abran as rúas ó tráfico, que extrememos a precaución”. O concelleiro, non obstante, considera que “en conxunto, o tráfico en Burela vai gañar de forma cualitativa”.

Valle agradeceu o traballo do técnico municipal de obras e da Policía Local: “as súas aportacións foron fundamentais para facer una nova ordenación do tráfico no conxunto da zona”.

Por último, Fernández Valle amosou o seu convencemento de que “Burela en conxunto gaña con estas rúas e esta unidade de actuación. Gañan os propietarios, que antes só dispoñían exclusivamente de terras de labranza, e que agora terán solares con capacidade edificatoria. Pero tamén gañamos todos, porque se abre unha zona de expansión de Burela e se engade unha nova zona ó núcleo urbano con configuración de cidade moderna”.

A unidade de actuación de Torrentes levouse a cabo polo sistema de cooperación, tal e como constaba nas normas subsidiarias de planeamento do anterior Concello de Cervo de hai vinte e cinco anos, e polo tanto era de obrigado cumprimento.

A través do sistema de cooperación, os propietarios ceden parte dos seus terreos para levar a cabo as obras de urbanización a cambio de gañar capacidade edificatoria. O Concello, neste sistema de cooperación, é o xestor da unidade de actuación e asume toda a tramitación administrativa, segundo a normativa vixente. Con todo, o sistema de cooperación para a realización de unidades de actuación ou documentos de desenvolvemento urbanístico semellantes xa non se emprega actualmente, sendo o sistema usado de forma preferente o de compensación, no que o papel principal o asumen os propietarios.

Exit mobile version