Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo incrementa o importe das axudas ao transporte escolar que ascenden a 200 euros por solicitude

Cervo, 9 de setembro de 2013.- A Concellería de Educación, que dirixe Pilar Armada, informa da apertura do prazo para solicitar as axudas ao transporte escolar correspondentes ao curso 2012-2013. O anuncio da convocatoria publicouse hoxe no BOP e nela establécese un prazo de presentación das solicitudes e a documentación ata o 31 de outubro.

A novidade nesta convocatoria é a contía da axuda, que pasa dos 150 aos 200 euros por cada alumno beneficiario. Con este incremento do importe por estudante o Concello pretende “axudar ao máximo posible ás familias con dificultades a afrontar os gastos relacionados cos estudos dos seus fillos” explica Armada. En total, o Concello ten contemplada unha partida que permitirá conceder a subvención a todos os solicitantes que cumpran os requisitos.

En canto ao detalle da subvención, cabe lembrar que se trata dun pagamento único de axuda ao transporte escolar para alumnos cervenses que cursen os seus estudos fóra de Cervo, sempre que se trate de ensinanzas que non se imparten en centros do municipio. En concreto, poden optar a elas estudantes de Bacharelato na modalidade de artes, ensinanzas universitarias, formación profesional de grao medio e superior, ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño de grao medio e superior, ensinanzas deportivas de grao medio e superior, artísticas superiores ou impartidas en conservatorios e escolas de música.

Hai que lembrar que poden optar a estas axudas ao transporte os alumnos cuxa unidade familiar teña todos os membros empadroados e convivindo no mesmo domicilio do Concello de Cervo e que no curso pasado estivesen matriculados nalgunha ensinanza das mencionadas anteriormente en centros públicos de ámbito estatal. Tamén existen requisitos económicos de ingresos que non se poden superar para obter a subvención. Todos os detalles da convocatoria pódense consultar no anuncio do Boletín Oficial da Provincia na seguinte ligazón ou acudir á Casa do Concello para máis información: http://ow.ly/oGV09.

Exit mobile version