Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo organiza unhas xornadas de limpeza voluntaria dos ríos do municipio

Ribadeo, 20 de setembro de 2013. As Concellarías de Medio Ambiente e Mocidade organizan unhas xornadas de limpeza voluntaria nos ríos de Ribadeo que darán comezo o vindeiro 28 de setembro.

O edil nacionalista Horacio Cupeiro explicou que “desde o Concello organizamos unha limpeza dos cauces dos ríos con voluntarios, fundamentalmente con xente nova, aínda que tamén poderán acudir maiores, xubilados e lugareños”. Segundo o concelleiro de Medio Ambiente “tratamos de mentalizar á cidadanía do dano que poden carrexar os residuos coma rodas, plásticos agrícolas, envases de fitosanitarios, electrodomésticos… no leito dos ríos”.

Cupeiro sinalou que “todo o que se retire do leito do río será entregado a empresas cualificadas para o tratamento deste tipo de residuos”. E engadiu que “o Concello co financiamento da Deputación de Lugo, a través de Mocidade, aportaralle aos voluntarios útiles para poder extraer os residuos dos ríos sen perigo. E despois convidarémolos a un bocadillo e unha bebida”.

A primeira destas xornadas de limpeza voluntaria nos ríos de Ribadeo terá lugar o 28 de setembro en Arante. O concelleiro de Medio Ambiente indicou que “O Concello porá un autobús que sairá ás da nove da mañá da estación de autobuses de Ribadeo e con regreso ás dúas da tarde. De todos os xeitos os que queiran tamén poderán desprazarse polo seus medios para encontrarnos no teleclub de Arante ás nove e cuarto da mañá”. Todas aquelas persoas que desexen participar nesta iniciativa poden anotarse no teléfono do Concello 982 120 701 ou enviando un correo electrónico a sostibilidade@ribadeo.org.

Horacio Cupeiro agradece “de antemán a colaboración dos asistentes e sempre vaia pola defensa dunha sociedade sostible e comprometida co medio ambiente e coa saúde”. O concelleiro de Medio Ambiente adiantou que “paralelamente se están a organizar outras catro xornadas deste tipo nos centros educativos locais co obxectivo de concienciar aos nenos e nenas de Ribadeo da importancia que ten o coidado do noso entorno natural e da necesidade de mantelo limpo”.

Exit mobile version