Site icon Crónica3.com A Mariña

O equipo de goberno burelés baralla a zona dos Castros para a construción da nova escola infantil

Burela, 19 de setembro de 2013. A concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán, pensa que a construción da nova escola infantil “vainos esixir un esforzo enorme, pero entendemos que hai que buscar todos os mecanismos para sacar este tema adiante e así o faremos”. O lugar que baralla o equipo de goberno para a nova dotación é a zona de Os Castros.

Diana Durán, como concelleira de Servizos Sociais, considera que “o paso dado no día de onte coa firma do convenio supón poñer os alicerces, aínda que sexa en formato papel, para o nova escola infantil de Burela. Evidentemente a situación actual non é precisamente a mellor a nivel económico para o Concello. Vainos esixir un enorme esforzo, pero imos facer todo o posible para que o desexo que todos temos dunha nova infantil se faga realidade”.

A edil popular indicou que “no plan xeral de ordenación municipal hai chan dotacional para facer esta segunda escola infantil. Nós inclinámonos máis por levala cara a zona de Os Castros, nun ángulo que formarían a avenida da Mariña coa vía do ferrocarril. Aí hai unha bolsa de chan de aproximadamente 2.300 metros cadrados, que é onde entendemos que se pode situar esta nova infraestrutura”.

Durán lembrou que “no seu momento o goberno bipartito de Burela solicitaba a adaptación da Casa do Mar para unha gardería. Onte a propia conselleira Beatriz Mato e os técnicos da Xunta, porque estaba presente o xerente do Consorcio de Benestar, constataron que a Casa do Mar non reúne as condicións para unha nova escola infantil, co cal todo o que no seu día se manifestaba por parte do bipartito era fume. É máis: o Partido Popular estando na oposición no seu momento presentou unha moción na que instaba ao equipo de goberno bipartito de Burela a ofertar á Xunta de Galicia unha parcela para poder construír unha nova escola infantil”. A concelleira de Servizos Sociais dixo que “esa moción que nós presentamos no seu día rexeitouse por parte do equipo de goberno, co cal non había ningún tipo de interese, en absoluto, para sacar adiante a escola infantil. E, en todo caso, o que se facía era crear cortinas de fume falando da Casa do Mar, cando practicamente todo o mundo sabía, menos eles, que a Casa do Mar non reunía as condicións necesarias”.

Diana Durán insistiu: “sabemos que a situación é moi complicada, que a achega económica que ten que facer o Concello é moi elevada, pero entendemos que hai que buscar todos os mecanismos para sacar este tema adiante e así o faremos. De feito as familias así nolo están a pedir”.

Exit mobile version