Site icon Crónica3.com A Mariña

O Esteiro (Loiba-Ortigueira) e o Bravos (Ourol) serán inspeccionados o 5 de outubro por Proxecto Ríos

Escomenza na nosa bisbarra a campaña de inspeccións de outono do Proxecto Ríos, e faino ó grande cunha xornada de sábado que se desenvolverá nos concellos de Ortigueira e Ourol e na que contaremos en ámbalas dúas con Paco Banhobre, membro da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia, Coordinador de Grupos do Proxecto Ríos e Biólogo.

A inspección que se fará no Concello de Ortigueira terá como obxectivo comprobar o estado do río Esteiro, o cal percorre de sur a norte a parroquia de Loiba ata a súa desembocadura na praia co mesmo nome que o río, xa no Concello de Mañón. O ponto de encontro para ista actividade será o Bar Tele-Clube do Barqueiro e a hora ás 10:30, sendo o coordinador o nordesteiro Ricardo (653 75 64 54).

Pola tarde o río a inspeccionar será o Bravos, tamén coñecido como Rego de Bravos, e a organización e coordinación do acto vai por conta de Mari Carmen (661 86 65 52), do Chao desa parroquia de Ourol, co apoio de ADEGA e de Nordés, sendo a hora e ponto de encontro: 15:00 na Garita de Bravos.

Dende Nordés animamos ás xentes dos concellos do Ortegal e A Mariña a que participen nestas actividades. De seguro van a disfrutares e, o que tamén sería moi importante, terían a oportunidade de coñecer como se podería seguir ampliando esta rede que busca un coñecemento real, activo e popular dos nosos ríos e da nosa natureza, sempre tan ameazada polos intereses e actividades económicas contaminantes e destructivas do medio ambiente.

Exit mobile version