Site icon Crónica3.com A Mariña

O GPP preguntará en pleno cales son os novos patrocinadores do Breogán que anunciou Antón Veiga

Lugo, 17 de setembro de 2013.- O Grupo Provincial do Partido Popular na Deputación de Lugo vén de rexistrar unha pregunta plenaria para a súa resposta na próxima sesión do martes, na que quere coñecer os nomes concretos dos novos patrocinadores do C.B. Breogán.

A voceira do PP na Deputación de Lugo, Elena Candia, explica que o seu grupo trasladou esta pregunta dirixida ao presidente, José Ramón Gómez Besteiro, para ter información máis concreta ao respecto despois das declaracións do vicepresidente, Antón Veiga, nos medios de comunicación e nas que de maneira literal se recollía que “Veiga anuncia que el Breogán tendrá nuevos patrocinadores”.

Candia asegura que o seu grupo agarda ter unha resposta positiva e concreta ao respecto que permita trasladar unha mensaxe de tranquilidade ante a inseguridade que pode xerar a falta de patrocinadores, logo de que o Grupo Provincial do Partido Popular a través dos medios de comunicación se fixese eco de que Leite Río deixaría de ser o máximo patrocinador do C.B. Breogán.

“Queremos coñecer a verdade das palabras de Antón Veiga, e saber quen son cada un destes novos patrocinadores do Club Baloncesto”, que permita reducir a inseguridade alarmante xerada en torno ao Breogán despois dos desatinos da Deputación en materia deportiva, chegando a poñer en risco un “clube” de gran historia e transcendencia na provincia.

O PSOE e o BNG, suspenso en deportes
Os populares anunciaron en varias ocasión a súa postura construtiva e clara a prol do fomento do deporte tanto profesional como de base e defenderon a importante función social, de saúde pública, educativa, cultural, lúdica e económica do Club Baloncesto Breogán.

Ante esta situación, os populares procuran ter constancia da realidade do que esperan que sexa unha xestión concreta, con nomes propios, que permita dar seguridade ao club e lanzar unha mensaxe de tranquilidade, pese as idas e vidas que dende a Deputación se están a dar en relación ao Breogán.

Os populares censuran que o BNG e o PSOE na Deputación de Lugo votaran en contra da proposta dos populares de creación dun plan de viabilidade que garantira a dera seguridade ao futuro dun club que “está a ser utilizado de forma partidista”, tras un proceso de alleamento do paquete accionarial sobre o que xurdiron moitas preguntas e logo de que Besteiro e Veiga tivesen investido nel máis de catro millóns de euros dende o ano 2009.

Dende o Grupo do Partido Popular tamén lamentan o desinterese posto de manifesto por José Ramón Gómez Besteiro, en relación a asuntos de interese para a provincia, e máis tendo en conta que o presidente provincial non foi quen de pronunciarse sobre a situación do Breogán, converténdose no primeiro responsable da institución lucense ao que as propias entidades deportivas lle presentaron alegacións ao orzamento 2013, que reclamaban un reparto máis xusto e equilibrado das subvencións nominativa para deportes.

Exit mobile version