Site icon Crónica3.com A Mariña

O GPP solicita a Gómez Besteiro que adopte as medidas que en Dereito procedan respecto á situación destes empregados co obxecto de pórlle fin a este “inadmisible” feito

Lugo, 07 de setembro de 2013.- O Grupo Provincial do Partido Popular na Deputación de Lugo vén de rexistrar un escrito dirixido ao presidente do ente, José Ramón Gómez Besteiro, no que lle solicita que adopte as medidas que en Dereito procedan respecto da situación dos traballadores que cobran da administración lucense, por un servizos que non prestan; co obxecto de pórlle fin a esta “inadmisible” situación que, segundo explican os populares, “comporta unha clara lesión ao interese económico da institución”.

Dende o Grupo Provincial Popular denuncian que o debate se estea a derivar cara a argumentacións “estériles” de sobre quen é o responsable dos erros nos nomeamentos ou de a que área están adscritos estes traballadores provinciais. O que realmente demandan os populares, matizan, son explicacións claras do porqué estes traballadores están a cobrar da Deputación de Lugo, mentres están a prestar os seus servizos a outras administracións.

Os populares explican que está claro que estes traballadores cobran da Deputación de Lugo, e tamén é público e notorio que non se desprazan ata as dependencias da administración provincial en cumprimento do seu horario laboral, polo tanto, “urximos que se tomen as xestións oportunas para pórlle fin a este feito”.

Tanto é así que, segundo dan a saber os populares, existen sentenzas que avalan que estes traballadores teñen un estatus funcionarial, e estase polo tanto ante un empregado público que queda suxeito ao réxime de obrigacións e dereitos previstos por lei e que recolle que estes traballadores deberán desempeñar con dilixencia as tarefas que teñan asinadas.

Ante este precepto, dedúcese, explican os populares no seu escrito, que as condutas cometidas por persoal da Deputación, que non cumpran coa súa xornada e horario laboral, e se limitan a prestar servizos ao partido no que militan, serían cualificadas como infraccións moi graves.

José Ramón Gómez Besteiro, máximo responsable
Os populares explican que esta situación non pode quedar “impugne” e que José Ramón Gómez Besteiro, como máximo responsable de Recursos Humanos, e polo tanto, coñecedor desta situación, deberá ser quen “articule os mecanismos necesarios que dean fin a esta situación”, que segundo o GPP, “poden chegar a ser cualificadas como infraccións moi graves”, xa que “algunhas das persoas identificadas no escrito non cumpren coa súa xornada, nin horario laboral, ao limitarse a prestar os seus servizos ao partido no que militan, con absoluto alonxamento do posto polo cal foron nomeadas pola Administración.

Polo tanto, os populares continuando coa seu rigoroso labor de control, iniciou este proceso por vía administrativa para que se “aclaren obrigacións contractuais partindo da base de que se trata de persoal da administración pública” e pide polo tanto, ao presidente provincial, que tome as medidas oportunas respecto ao que recolle a lei.

Os populares explican, e intentando evitar “triunfalismos”, que tanto os traballadores como José Ramón Gómez Besteiro, son os primeiros coñecedores desta situación, polo tanto, o responsable institucional “de non dar a coñecer esta situación, tomando as medidas dispostas como oportunas por Dereito, e dando conta dos feitos ao Ministerio Fiscal”, estaríase a converter en “cómplice dunha situación inadmisible”.

Procedemento a seguir polo Grupo Provincial do Partido Popular
De non ser atendido este escrito e non ter resposta ao mesmo; unha vez recorrida a vía administrativa; dende o Grupo Provincial do Partido Popular non descartan exercer as accións xudiciais procedentes contra o Presidente da Deputación de Lugo, en defensa do interese público que en particular concorre e se ve groseramente lesionado, sendo Gómez Besteiro, responsable directo desta “anómala situación, por consentila e mantela”.

Deste xeito, os populares explican que se pode estar a falar da comisión dun posible delito de prevaricación omisiva, xa que, segundo aclaran os populares no seu escrito, é o órgano competente para solicitarlle responsabilidades a estes traballadores que incumpren de forma sistemática e contumaz as súas obrigacións coa institución pública que preside Gómez Besteiro, e por “cuxa defensa e interese debe velar en todo momento o socialista”, matizan dende o GPP.

Exit mobile version