Dende o Grupo Municipal Socialista focense denunciamos, unha vez máis, a situación de abandono e falla de limpeza xeral que presenta o noso concello, tanto no núcleo urbano como nas parroquias, algo que se fixo notar especialmente este verán.
Non podemos comprender como, a pesar de que o noso Grupo solicitara en varias ocasións a súa limpeza e acondicionamento, incluso a través dunha moción aprobada en Pleno, as praias se atoparan nun estado verdadeiramente lamentable, cos areais e accesos sen limpar e acondicionar, os aparcamentos e paseos marítimos sen rozar, pese a dispoñer de persoal de reforzo contratado para este fin durante o verán, e pese a dispoñer de, a lo menos, dúas empresas privadas realizando labores de xardinería para o concello. Nos paseos marítimos continuaban sen repoñer as pedras que se desprenderan, a pesar de que o seu mantemento corre a cargo do concello, o que ocasionou máis dun susto e dunha caída, e numerosas queixas de veciños e visitantes. E, para colmo, por se esta situación non prexudicara xa bastante a imaxe de Foz, nos deixan sen socorristas dende o 1 de setembro, algo inédito no noso concello, no que sempre houbo vixiancia nas praias polo menos ata mediados deste mes, pois as mesmas permanecen aínda ateigadas de xente durante estas datas.
Os concelleiros do Grupo Socialista de Foz tampouco podemos entender como, despois de que o alcalde mantivera varias xuntanzas cos veciños de tódalas parroquias, nas que por certo, segundo o rexedor manifestaba, a maior preocupación dos veciños era que as pistas da Deputación permanecían sen rozar, se da a casualidade de que, finalmente, foron as pistas do concello as únicas que quedaron sen rozar nas parroquias, que, unha vez máis, foron esquecidas polo Equipo de Goberno Local, pese a dispoñer de, a lo menos, dúas empresas privadas realizando labores de xardinería para o concello, e, en relación ao cal, nos preguntamos novamente: ¿onde van as famosas brigadas de medio rural cuia creación prometeu e anunciou en reiteradas ocasións o Goberno Local?
Outra das queixas que se repetiu este verán en Foz por parte de veciños e visitantes foi o cheiro desprendido polos contedores de lixo, que presentaban unha situación vergoñenta, precisando dunha boa limpeza. Neste punto, sinalar que o sistema empregado polo anterior goberno socialista era moito máis hixiénico e menos molesto para os veciños, e que, o actual Equipo de Goberno non debería habelo modificado, vendo que non é capaz de manter os contedores de lixo nun estado de limpeza aceptable.
En definitiva, dende o Grupo Municipal Socialista de Foz pensamos que a situación do noso concello continúa a ser verdadeiramente desastrosa no que respecta á falla de limpeza xeral, tanto no núcleo urbano como nas parroquias, o cal se fixo notar especialmente durante este verán, prexudicando seriamente a imaxe de Foz, tanto para os nosos veciños como para aqueles que nos visitan.