Site icon Crónica3.com A Mariña

O grupo popular quere facer dos emigrantes galegos os mellores embaixadores dos nosos produtos do mar

Santiago, 20 de setembro de 2013.- O Grupo Popular vén de rexistrar unha iniciativa na Parlamento autonómico, da que é autor o seu voceiro do Mar, José Manuel Balseiro, para que os emigrantes galegos no exterior poidan converterse nos mellores embaixadores dos produtos galegos e, moi en particular, dos nosos peixes e mariscos.

Os populares piden á Xunta, a través dunha proposición non de lei, que “elabore, impulse e execute” un plan para que, en colaboración coas comunidades galegas no exterior, “potencie e faga posible a promoción dos produtos galegos de gran calidade”. Aínda que fai especial fincapé nos produtos do mar, o plan incluiría outros produtos galegos como a agricultura, gandaría ou artesanía.

ELEMENTO DINAMIZADOR DA NOSA ECONOMÍA
“Os nosos emigrantes son, desde os países nos que residen, os perfectos embaixadores da nosa terra: Tanto no ámbito da promoción turística, como sobre todo no da valorización do noso patrimonio cultural e histórico. Tamén poden selo, e de feito hoxe xa é así, os mellores embaixadores dos produtos galegos, dos tesouros da nosa terra e do noso mar”, explicou Balseiro.

Aproveitar esta oportunidade, planificando unha estratexia a acción coordinada da Xunta e das comunidades galegas no exterior, podería converterse, en opinión dos populares, nun novo elemento dinamizador da economía galega e nun reclamo de excepción á hora de poñer en valor e dar a coñecer a excelente calidade dos produtos do mar galegos.

“Vinculando os nosos produtos á orixe galega, apostamos pola orixinalidade nun mundo globalizado. Diferenciando os nosos produtos, coa complicidade e colaboración das nosas comunidades no exterior, beneficiamos a Galicia”, concluíu Balseiro.

O voceiro do Mar dos populares galegos lembra que, nun mundo cada vez máis globalizado grazas á mellora das comunicacións, é posible facer chegar os sabores galegos a medio mundo e, a través dos produtos que se exportan desde aquí e que levan o selo de Galicia, poden tamén xurdir novas alianzas e oportunidades para a nosa pesca e marisqueo, así como para outros moitos sectores.

COMUNIDADES NO EXTERIOR COMO OPORTUNIDADE
Galicia conta con importantes comunidades galegas no exterior espalladas por distintos países do mundo –especialmente no continente americano– froito do proceso de emigración que tivo lugar nos dous últimos séculos.

O Estatuto de autonomía e a normativa vixente, entre elas, a nova lei especificamente prevista para este colectivo, fai un expreso recoñecemento da súa galeguidade e pon en valor a contribución positiva que este colectivo de galegas e galegos no exterior pode facer á súa terra de orixe.

Exit mobile version