Lugo, 14 de setembro de 2013.- O portavoz de Montes do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, quixo poñer este sábado en valor o investimento superior aos 14 millóns de euros que a Xunta destinará aos concellos para a mellora dos camiños rurais.
O popular explicou que o Consello da Xunta vén de autorizar á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) a concesión directa destas axudas cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e enmarcadas no Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2007-2013.
MELLORA DAS INFRAESTRUTURAS BÁSICAS
O obxectivo destas subvencións é que durante os anos 2013 e 2014 os concellos poidan realizar actuacións de mellora das infraestruturas básicas no medio rural e mellorar tamén os accesos e a comunicación da rede viaria de titularidade municipal que resultasen danados.
Para iso os 14 millóns de euros, previstos como orzamento inicial, distribuiranse en base a uns criterios consensuados coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).
Pero a achega económica realizada pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Rural, resulta tamén de vital importancia para garantir a conservación da rede viaria municipal de moitos concellos, dado que hoxe a dispoñibilidade de recursos nas arcas municipais resulta, en moitos casos, insuficiente para asumir os custos derivados da conservación dunha rede tan ampla.
PROVINCIA DE LUGO
Lugo é unha das provincias galegas cunha maior rede de estradas de camiños rurais, moitas veces vinculados á explotación madeireira, forestal ou agrícola dos seus predios.
Balseiro contrapuxo, ademais, os investimentos positivos que recibe os concellos lucenses fronte aos efectos derivados das políticas da Deputación de Lugo que parece esquecer a súa obriga de cooperación cos municipios. Así, contrapoñen os esforzos do Goberno galego coa falta de atención do organismo que preside José Ramón Gómez Besteiro, que acumula centos de queixas de alcaldes e veciños de todos os puntos da provincia polo mal estado e falta de mantemento das estradas provinciais.