Site icon Crónica3.com A Mariña

O grupo provincial do BNG levará ao vindeiro Pleno unha moción para instar á Xunta a adoptar unha nova política contra os incendios forestais e medidas para paliar os danos causados pola vaga de lumes

Lugo, 18 de setembro de 2013. O Grupo Provincial do Bloque Nacionalista Galego na Deputación Provincial de Lugo defenderá, no vindeiro pleno, que se celebrará o martes 24, unha moción na que se insta ao Goberno galego a tomar as medidas necesarias para paliar os danos causados pola vaga de lumes e aprobar unha nova política contra os incendios.

Así o anunciou o deputado provincial e vicepresidente da institución, Antonio Veiga, quen denunciou que “a política forestal e agrogandeira do Partido Popular non só é destrutiva coas potencialidades do agro galego, ao expandir a desertización e abandono de zonas do territorio e permitir a introdución en masas forestais con especias como piñeiros e eucaliptos en zonas próximas aos núcleos de poboación, senón que, ademais, contribúe a alimentar os factores que propician os lumes”.

O deputado nacionalista insistiu en que “os sucesivos gobernos populares destinaron inxentes cantidades de fondos económicos a subvencionar o abandono da actividade agraria e agora o mapa de incendios demostra que a incidencia dos lumes é moito menor nas comarcas onde a actividade agraria mantén unha presenza elevada”.

Desde o Grupo Provincial do Bloque na Deputación lucense acúsase á Xunta de Galiza de adoptar unha serie de medidas que agravaron a desprotección do territorio e das persoas ante a ameaza de incendios forestais, de promover medidas lexislativas consistentes na eliminación ou redución das distancias de separación das plantacións forestais aos núcleos rurais e de eliminar actuacións coas que se pretendía implicar á poboación na xestión e defensa do monte, como son a desaparición do voluntariado do monte ou das axudas para brigadas de prevención das propias comunidades de montes, entre outras.

Antonio Veiga afirmou que os “os recortes indiscriminados aplicados polo PP desde 2009 tamén afectan de cheo a un dispositivo de emerxencias e seguridade, como é o da loita contra o lume, que retornou a un nivel de recursos similar ao de hai unha década, o que se agrava por unha nefasta xestión administrativa que demorou a posta en funcionamento dos dispositivos até moi avanzada a época de alto risco, así como a case total eliminación de actuacións preventivas básicas. Finalmente, as circunstancias obrigaron ao Goberno galego a retomar un modelo de dispositivo fracasado, co regreso de brigadas municipais, sen unhas mínimas esixencias profesionais e que favorecen a fragmentación do mando único do dispositivo.”

Para os nacionalistas “o monte volve estar desprotexido pola incapacidade do o PP que teima en políticas que afastan á poboación do rural e que favorecen un modelo produtivo intensivo sen ter en conta unha mínima ordenación dos cultivos. O resultado é o que hai máis combustíbel nos montes e terras de cultivo que nunca”.

Por todos estes motivos o Grupo Provincial do Bloque buscará o apoio do resto de formacións políticas para solicitar á Xunta de Galiza a revisión inmediata do dispositivo de defensa contra os lumes e que, xunto co Goberno central, adopte medidas urxentes para paliar os danos da vaga de incendios, así como para recuperar o monte afectado.

Exit mobile version