O alcalde, José María González Barcia, manifestou que “se acerca o momento de que Burela conte cun documento moderno e eficaz en materia de planeamento urbanístico, e para iso hoxe é un día importante porque comeza a conta atrás. Burela non podía estar nin un ano máis sen un PXOM acorde coas necesidades que ten este concello, e polo tanto estamos convencidos de que estamos cumprindo coa nosa obriga, facer o que hai que facer cando hai que facelo”.
O rexedor explicou que “o equipo de goberno no último ano e medio, desde a aprobación inicial do plano o ano pasado o 1 de marzo, estivemos a traballar sen pausa e de forma seria e rigorosa para solventar as cuestións que nós entendiamos que eran importantes e que tiña que contemplar o PXOM”. E lembrou que “o documento estivo exposto ao público durante dous meses, recolléronse preto de 370 alegacións das que foron atendidas parcial ou totalmente o 80% das mesmas. Ao mesmo tempo e de forma paralela o PXOM foi enviado ás distintas administracións e entidades que teñen capacidade e obrigatoriedade legal para emitir informe a ese respecto”.
José María González Barcia dixo que “despois de terse recibido todos os informes de xeito favorable é cando toca pechar o documento para sometelo a aprobación inicial. En todo momento se cumpriron escrupulosamente os prazos, os procedementos, todo aquilo que marca a normativa vixente en materia de elaboración, tramitación e aprobación do PXOM”.
O alcalde burelés amosouse satisfeito porque “con este documento póñense fin a erros e deficiencias históricos, como era non ter un documento normativo de planeamento urbanístico moderno e axeitado ás necesidades que ten o Concello e que dea solucións a eses problemas. A definición de solo empresarial, en concreto máis de 300.000 metros cadrados entre O Perdouro e A Puída; a rebaixa da liña de afectación da variante de 100 a 25 metros, o que nos permitirá gañar 110.000 metros cadrados; a presenza de máis solo dotacional para poder colocar novos servizos de carácter educativo, social, etc; a delimitación de 60.000 metros cadrados mais adicionais para que se poida levar a cabo a ampliación do hospital ou a conexión do centro urbano co porto a través dun novo vial son os aspectos máis importantes e máis destacados dun plano xeral que aborda de forma decidida e de fronte os problemas que ten Burela”.
González Barcia seguiu a relatar que “tamén o equipo de goberno, tamén este alcalde, abordan os problemas que ten Burela elaborando un PXOM, que somos conscientes de que é mellorable, pero entendemos que se axusta perfectamente ás necesidades que ten o concello nestes momentos. Nace co ánimo de dar solucións aos problemas ao longo de 20 anos, un plano que sentará as bases do futuro de Burela. Se están dando os pasos oportunos para que Burela ocupe un posto salientable dentro desenvolvemento non só da provincia de Lugo senón do conxunto de Galicia”.