Site icon Crónica3.com A Mariña

O Pleno do Parlamento debaterá a iniciativa do grupo popular na que reclama un aumento da cota da pescada

Santiago, 21 de setembro de 2013.- O Pleno do Parlamento de Galicia debaterá na sesión plenaria prevista para esta semana a iniciativa promovida polo Grupo Popular e na que se reclama á Unión Europea un aumento da cota da pescada do Norte.

O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, José Manuel Balseiro, explicou que trasladarán esta petición a Bruxelas para que autorice -xa nesta anualidade, en 2013- máis posibilidades de pesca para a nosa flota ante a contundencia dos datos científicos que demostran a abundancia deste recurso.

APOIO DO SECTOR E POLÍTICO
Balseiro explica tamén que, a través desta petición, están a facerse eco dunha reivindicación do propio sector pesqueiro que constata, nas súas xornadas de traballo, o bo estado deste recurso e a abundancia do mesmo, o que facilitaría o seu aproveitamento pesqueiro sen risco para a sostibilidade do stock.

O Grupo Popular espera contar para aprobar esta iniciativa co apoio das tres forzas políticas da oposición pero tamén dos eurodeputados españois e do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, aos que convidan a sumarse a esta petición que xa conta co visto e prace da Xunta de Galicia.

A FLOTA GALEGA: A GRAN BENEFICIADA
Dáse a circunstancia de que a pescada é a especie comercia máis importante para a flota pesqueira galega de Gran Sol e unha das principais en termos de capturas e facturación para as confrarías de Galicia

Balseiro lembrou que de acadarse este obxectivo Galicia sería a gran beneficiada, xa que a nosa comunidade sirve de porto base a un bo número de embarcacións que desenvolven o seu traballo nos caladoiros de Gran Sol, Escocia e augas francesas do Golfo de Biscaia.

De feito, Balseiro explicou que son 87 embarcacións das flotas galegas de arrastre e palangre de fondo con permiso para faenar en augas da UE as que obterían un incremento das súas posibilidades de pesca de xeito inminente, xa na presente campaña

PRECEDENTE
Balseiro Orol concluíu sinalando que autorizar un incremento de cota xa no ano en curso ten cabida na normativa comunitaria e de feito xa existe un precedente, o acontecido co aumento da cota da lanzón no ano 2010 a petición de Dinamarca.

Exit mobile version