Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP acusa a Besteiro de ser “o único presidente que abandona aos municipios e non cumprimenta a totalidade do Plan de Obras e Servizos”

Lugo, 27 de setembro de 2013.- O Grupo Provincial do Partido Popular de Lugo suspende a xestión de José Ramón Gómez Besteiro en materia de conservación da rede viaria e de colaboración da Deputación de Lugo cos concellos da provincia. En concreto, os populares censuran que Gómez Besteiro se convertese no único presidente das administracións provinciais galegas que abandona aos municipios e non cumprimenta a totalidade do Plan de Obras e Servizos.

Os populares amparan estas afirmacións en datos que amosan a discriminación e o abandono que están a sufrir os municipios por parte da Deputación de Lugo, onde os socialistas e os nacionalistas manexaron unha importante dotación orzamentaria para esta finalidade.

En concreto, dende o Grupo Provincial do Partido Popular de Lugo explican que mentres a rede viaria presenta un lamentable estado de conservación, a Deputación Provincial de Lugo dispuxo dende 2007 de máis de 122 millóns de euros para novas infraestruturas e a adecuación de estradas.

Os populares reproban que existan moitos cartos gastados e as estradas de titularidade provincial amosen un pésimo estado, que deu lugar a protestas por partes dos veciños e dos alcaldes, tal e como aconteceu, exemplifican os populares, no Páramo.

“É lamentable que dende a Deputación de Lugo rescindan obras que xa estaban adxudicadas e que se converten nunha importante demanda para os veciños ao tratarse dunha zona que presenta risco para os condutores”, manifestou a voceira dos populares, como un dos moitos exemplos da pésima xestión de Gómez Besteiro, que suspende en materia de conservación da rede viaria provincial e construción de novas infraestruturas.

O POS lucense, tardío e insuficiente
Os populares pregúntanlle a Gómez Besteiro se considera cumpridas as súas competencias reguladas por lei, coa achega dunha media de 14.000 euros aos concellos, dentro do POS, cando se trata dun plan provincial, que están obrigados a redactar anualmente todas as deputacións.

Dende o Grupo Provincial do Partido Popular consideran insuficiente a achega da Deputación, que para a rede viaria municipal se resume en 900.000 euros, e que se contrapón a outras colaboracións, como é a da Deputación da Coruña, que dispón dun plan dotado de 24 millóns de euros.

Así, os populares explican que mentres a Deputación da Coruña se fai cargo do 100% do servizo, e a de Ourense, cun plan máis ambicioso, sufraga ao 75% do custe das obras municipais, a de Lugo só achega o 50%.

Os populares presentaron alegacións ao POS 2013, solicitando o incremento da contía, da porcentaxe aportada pola Deputación, así como que parte desta achega se puidese destinar a gasto corrente; sendo desatendidas polo equipo de goberno.

“É un plan insuficiente e tardío”, matiza Candia, quen explica que mentres a da Coruña anunciou o POS 2013 en outubro do 2012, e a Deputación de Ourense aprobou inicialmente o Plan en abril; a de Lugo levou a proposta ao pleno de setembro.

Exit mobile version