Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP burelés, sobre a visita de Besteiro: “Menos parranda e máis atender as peticións do Concello”.

Burela, a 20 de setembro de 2013.- O Partido Popular de Burela criticou este venres a presencia do presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, na localidade este sábado porque “vén comer a Burela pero non atende as peticións que se lle fan desde o concello: dúas peticións de entrevista do alcalde con Besteiro, e as dúas sen ser aínda atendidas”.

Así se manifestou o portavoz da Agrupación Local do PP de Burela, José Luis Lois Losada. Lois Losada asegurou que “cando se teñen asuntos pendentes de tratar co goberno municipal de Burela, e asuntos de calado, vir de parranda non é moi constructivo que digamos: semella máis unha burla porque pasa totalmente das peticións que lle fan desde o concello”.

O portavoz do PP burelés asegurou que “o alcalde ten solicitadas dúas entrevistas, unha delas para falar dos vestiarios do campo de herba artificial da Marosa, solicitada hai meses e para a cal aínda non hai data. A outra foi solicitada polo alcalde hai pouco para falar do futuro do Torques dentro do Museo Provincial; tampouco hai data. O Sr. Besteiro estivo nos últimos seis meses máis pendente do seu partido político ca da Deputación”.

José Luis Lois engadiu que “estes asuntos son moi importantes para Burela, moito máis ca parrandada na que vai participar o Sr. Besteiro. Pois ben, primeiro cumpra coas súas obrigas como presidente da Deputación de todos os veciños desta provincia e atenda as peticións que lle formula o alcalde de todos os veciños de Burela; e logo vaia de parranda”.

Exit mobile version