Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Viveiro agradece ao goberno de Feijóo as axudas destinadas a programas para combater o abandono escolar

Viveiro, 18 de setembro de 2013.- O Partido Popular de Viveiro agradeceu ao executivo galego as axudas destinadas a programas para paliar o abandono escolar dos mozos viveirenses.

“17.600 euros destina a Xunta de Galicia ao noso concello para o financiamento, apoio e potenciación de distintos programas” – manifestaron os populares, quenes mostraron a súa satisfacción por esta boa nova.

“Incidir sobre as causas do abandono escolar apoiando ao alumnado de terceiro e cuarto de educación secundaria, para programas de cualificación profesional inicial e tamén para que aqueles mozos e mozas que xa non están no sistema educativo poidan prepararse ás probas de obtención dos distintos títulos oficiais, tales como o graduado en educación secundaria obrigatoria ou estudos de formación profesional de grao medio e/ou de bacharelato é un dos obxectivos destas axudas”- afirmaron os populares, quenes engadiron que estas axudas tamén pretenden mellorar a adquisición das competencias básicas no alumnado en risco de abandono escolar, favorecer a atención educativa dos colectivos máis vulnerables, como o alumnado inmigrante ou o alumnado en risco de exclusión social, e impulsar a coordinación entre organizacións e institucións do contorno para diminuír o abandono escolar.

“Ademáis de tódolos obxectivos mencionados anteriormente, estas axudas tamén permitirán impulsar un servizo municipal para atender o alumnado con menor motivación e capacidade para aprender, de xeito que se lle ofrezan respostas adaptadas ás súas posibilidades e intereses, coa finalidade de diminuír o risco de abandono ou desinterese e de preparar para as probas de graduado en ESO”- manifestaron.

Concluíu o PP viveirense afirmando que estamos ante unha mostra máis da aposta e da preocupación do goberno galego polo desenvolvemento de actividades que incentiven a procura do éxito escolar e eviten o abandono temperán dos estudos por parte do alumnado.

Exit mobile version