Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Viveiro reclama a adhesión do Concello ao proxecto ‘Emprende en 3’ de dinamización de trámites para a creación de empresas

O viceportavoz do Grupo Municipal do Partido Popular de Viveiro, Jaime de Olano, ven de presentar unha moción para o seu debate en Pleno sobre a adhesión ao proxecto ‘Emprende en 3’ de dinamización de trámites para a creación de empresas.

O Goberno de España, a través do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) puxo en marcha unha ferramenta que permite aos emprendedores realizar os trámites necesarios para a creación e apertura dunha empresa de forma simultánea coas tres administracións públicas -estatal, autonómica e local- de forma áxil e sinxela. Aproveitando as posibilidades que hoxe en día ofrecen as novas tecnoloxías, ponse en marcha un portal único dende o que o emprendedor realizará os trámites necesarios ante a administración pública correspondente, que será a encargada de tramitar a parte do expediente da súa competencia.

Con esta nova ferramenta, España situarase, en relación aos prazos para a creación duna nova empresa, no entorno dos países máis avanzados do noso entorno, de forma que os emprendedores poderán iniciar a súa actividade no entorno das 24-48 horas.

En definitiva trátase de que o emprendedor se atope cunha “alfombra vermella” por parte das administracións públicas tanto á hora de poñer en marcha o seu proxecto empresarial coma cando han de comunicarse coa administración estatal, autonómica ou local.

Deste xeito, os populares recordan que veñen reclamando repetidamente a necesidade de colaboración entre as distintas administracións públicas ao obxecto de prestar uns servizos de calidade aos veciños de Viveiro ao menor custe posible, e esta moción e o Programa “EMPRENDE EN 3” recollen estes principios de colaboración, eficacia e eficiencia que consideramos teñen que guiar a actuación das administracións públicas.

Exit mobile version