Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP négase a rehabilitar ás vítimas do franquismo como propoñía o BNG no Pleno da Deputación

bng-plenoLugo, 24 de setembro de 2013. Este martes, no pleno ordinario de setembro da Deputación de Lugo, o BNG sacou adiante unha moción, co apoio dos socios de goberno e o voto en contra do PP, pola que a Deputación solicitará ao presidente do Partido Popular de Galiza, Alberto Núñez Feijoo, e ao presidente do Partido Popular de Lugo, Xosé Manuel Barreiro, a que procedan a exixir a destitución de todos os seus cargos públicos, é dicir, como alcalde de Baralla e Deputado Provincial, a Manuel González Capón. Do mesmo xeito, expresouse a condena unánime de toda a Corporación á represión franquista na provincia de Lugo, así como demandar a rehabilitación social e institucional das vítimas do franquismo nesta Provincia. O pleno foi seguido por ducias de persoas que mostraron carteis con lendas “fascismo nunca máis” en sinal de repulsa polas declaracións e actitudes do PP.

Diante da negativa do PP a apoiar a moción, Antonio Veiga afirmou que “o Partido Popular non está en condicións de expedir certificados de democracia tras as posicións que mantén desde sempre nesta institución sobre o franquismo. Para expedir certificados de democracia hai que ter un comportamento e unha conduta democráticas algo que non é habitual entre os populares, de feito é a terceira vez que neste foro se negan a condenar o réxime franquista cando tiveron ocasión”.

Veiga defendeu que “desde o Bloque Nacionalista Galego non imos tolerar que o Partido Popular siga a facer apoloxía do franquismo. Somos unha organización que nace da loita contra o franquismo e na que moitos dos seus militantes foron asasinados por defender unha sociedade máis xusta e democrática. E non hai que esquecer que membros do PP ocuparon cargos públicos durante o réxime”. Por outra parte, Veiga lembrou o que “os actos do señor Capón non son feitos illados, vemos como mesmo a Núñez Feijóo lle parece un “chiste” o Arriba España, o cadro do caudillo ou a bandeira de España coa galiña, deixando ver que lle vai o humor negro que se vincula coa España negra”.

O deputado do BNG na Deputación, Antonio Veiga, afirmou que “é a nosa vontade facer deste Pleno un acto de xustiza e de dignidade, honrando a memoria daqueles e daquelas que padeceron o terror franquista por defenderen unha sociedade xusta, igualitaria e democrática, isto é a participar da rehabilitación social e institucional das vítimas do franquismo. Porque, lembrando as palabras de Castelao no 37, en Atila en Galiza, “moitas veces os mártires crean mundos que os heroes nin tan sequera son capaces de concibir. E na Miña Terra cumprirase a vontade dos mártires”.

Exit mobile version