Site icon Crónica3.com A Mariña

O PPdeLugo condena o ataque da súa sede provincial e reitera que a violencia non ten xustificación

Lugo, 02 de setembro de 2013.- O Partido Popular de Lugo denunciou este luns un novo ataque que recibiu a súa sede provincial, consistente no intento de rotura dunha das súas cristaleiras -que resultou danada- a través do arroxo de varios materiais.

Os feitos tiveron lugar na madrugada do sábado ao domingo e xa están en coñecemento da autoridade policial competente que se encargará de realizar as investigacións oportunas apoiándose nas gravacións efectuadas polas cámaras de seguridade do local, que reflectiron o suceso.

Os populares quixeron condenar estes feitos vandálicos que atribúen a elementos antidemocráticos, que non entenden outro xeito de manifestarse que con violencia e con mostras de profundo odio.

“É inadmisible que, por discrepancia ideolóxica ou polo motivo que sexa, haxa individuos que teñan este comportamento” –dixeron desde o PPdeLugo- onde en todo caso reafirmaron o seu compromiso de seguir traballando polos lucenses e promovendo iniciativas dirixidas ao primeiro dos obxectivos, a recuperación da crise.

Non é a primeira ocasión na que teñen lugar estes feitos xa que o pasado ano tamén tivo lugar un ataque similar, onde golpearon e danaron estes cristais de alta resistencia.

Os populares sinalan que por riba do valor económico dos danos acontecidos, está o significado deste tipo de actos vandálicos daqueles que con toda contundencia desprezan á democracia e conclúen reiterando desde o PP que a violencia non ten xustificación.

Exit mobile version