Site icon Crónica3.com A Mariña

O programa de turismo e saúde da Deputación ‘Termalismo no Camiño’ cubre o 50% das prazas nun só mes

besteiro-termalismoA Deputación de Lugo está a colleitar o éxito adoitado coa iniciativa Termalismo no Camiño, nacida co obxectivo de potenciar o turismo no Camiño de Santiago e a economía medioambiental a través da riqueza termal da provincia. Xa son máis de 600 os lucenses que teñen accederán ós centros termais situados ó pe das rutas xacobeas dos Camiños Primitivo, Norte, Francés e de Inverno dende o mes de setembro ata finais de ano. A demanda foi tal que nalgún dos balnearios incluídos neste programa víronse na obriga de aumentar as prazas previstas nun principio para poder dar resposta ó número de solicitudes achegadas.

A institución provincial ofrece un total de 1.200 prazas para os maiores de 50 anos, coas que estes poden acceder a importantes descontos en estancias e tratamentos de saúde ofrecidos nos balnearios de Augas Santas, Río Pambre, Romano de Lugo e Guitiriz, co fin de mellorar a súa calidade de vida e potenciar a dimensión económica medioambiental da provincia, en particular das súas augas mineromedicinais.

Potenciar un sector clave
Tal e como destacou o Presidente da institución provincial, José Ramón Gómez Besteiro, tendo en conta que “o sector do turismo arroxa cifras moi positivas no 2013, coma as preto de 150.000 persoas que cada ano visitan Galicia para beneficiarse da súa riqueza mineromedicinal, xa que conta con sete dos oito tipos de augas medicinais que existen, e que xeran unha facturación anual para o sector duns 126 millóns de euros”, xunto co feito de que Lugo conte con balnearios situados o pé dos 800 quilómetros de rutas xacobeas que discurren polo seu territorio, “converten á provincia nun destino de indubidable interese para este tipo de turismo desestacionalizado, tanto a nivel nacional coma internacional”. Hai que destacar, ademais, que os balnearios son exemplo de modelo de empresa sostible, garantindo o futuro do recurso e fixando poboación grazas a creación de emprego local.

Ata o 31 de decembro
O plan Termalismo no Camiño está dirixido a maiores de 50 anos que poderán aproveitar descontos ata o 31 de decembro nos seguintes paquetes:

– 6 días con 5 noites de estancia
– 5 pensións completas
– Día de entrada (domingo): incluído cea e aloxamento
– Día de saída (venres): incluídos almorzo e comida
– 8 técnicas de balneario
– 1 recoñecemento médico á chegada
– De luns a xoves: programa de animación sociocultural

Inscricións
O prazo para presentar as solicitudes continúa aberto ata finais de ano. Só se aceptarán as inscricións realizadas polas persoas interesadas, sen delegar en Concellos ou entidades, presentando no Rexistro Xeral da Deputación a documentación que se pode obter da páxina web www.deputacionlugo.org, xunto cun certificado de empadroamento e unha fotocopia do DNI.

Unha vez seleccionados os propios participantes, ou ben familiares directos, deberán recoller na Deputación, no Servizo de Relacións Institucionais, os bonos que presentaran no balneario seleccionado. Estes bonos tampouco se entregarán a ningún representante de Concellos, asociacións ou calquera tipo de entidade allea.

Máis información: 982 260 075

Exit mobile version