Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG asegura que a gardería que a Xunta xa anunciou 2 veces en Burela é “un castelo no aire”, pois non hai terreos nin prazos

O PSdeG asegurou este venres que a conselleira de Traballo “non foi á Mariña máis que para vender castelos no aire e enganar ós veciños en cuestións tan sensibles como a educación e os benestar social”. O coordinador do partido na comarca, José Ramón Val, explicou que para a nova gardería de Burela, “que xa leva anunciado 2 veces a Xunta, non hai prazos de execución, tal e como recoñeceu a propia Mato, polo que non sabemos se a empezarán o ano que vén, en 2014, en 2015… e, moito menos, canto estará en funcionamento”. Ademais, o proxecto tampouco conta con terreos dispoñibles, “nin os haberá polo menos ata que entre en vigor o PXOM, que agora está en mans da Xunta despois de que o PP o aprobara en solitario no pleno”.

Os socialistas ven outras “graves eivas” no anuncio do Goberno galego que poñen en dúbida a súa viabilidade, como que o Concello teña que achegar unha porcentaxe alta do custe das obras de construción e logo deba asumir os custes da xestión e mantemento da escola infantil. Isto supón, “como admitiu a propia concelleira de Servizos Sociais, un esforzo económico enorme, que nós cremos pode poñer en serio risco a sustentabilidade das arcas municipais”, ademais de demostrar “o deixamento” da Xunta nas súas competencias “ó empaquetar ás entidades locais investimentos que son en exclusiva da súa responsabilidade”, explicou o voceiro do PSdeG en Burela, Alfredo Llano, quen recalcou a necesidade de “estudar outras alternativas menos gravosas para os veciños”.

En canto á residencia da terceira idade de Foz, José Ramón Val considerou “totalmente insuficiente” o compromiso da Xunta, pois din que só achegarán 500.000 euros para iniciar as obras o ano que vén, “case nin chegará para o movemento de terras, sen unha previsión seria para garantir o remate do proxecto”. O tamén deputado autonómico afirmou que con esta iniciativa a conselleira de Traballo “quere lavarse a cara despois de sorprendernos a todos asegurando, literalmente, que as residencias para maiores na provincia de Lugo non son prioritarias nin necesarias, pero, aínda por riba, faino mal, pois, mentres se nega a concertar prazas nas residencias e centros de día públicos que lle presentan Deputación e Concellos, aporta mínimas partidas orzamentarias para centros como o de Foz sen garantir a súa finalización nin funcionamento”.

“Os compromisos de Feijóo coa Mariña acaban en nada”
Val esixiu á Xunta que actúe “co máximo rigor e responsabilidade”, sobre todo cando “xa sabemos como acaban os compromisos de Feijóo na comarca: en nada”. Lembrou neste senso que o presidente da Xunta “anunciou xa 5 veces a ampliación do Hospital da Costa; leva aprazando 4 anos as obras do acceso ó porto de Burela, incumprindo unha e outra vez os seus propios anuncios; e ten paralizado o corredor da Costa, sen nin sequera data de finalización”. Os feitos deixan en evidencia a “discriminación que sufrimos na Mariña coa dereita de Feijóo”, pois mentres “non dá un paso para avanzar en infraestrutura estratéxicas e vitais para o futuro da comarca, elimina prazas de médico –van tres nos últimos meses-, monitores en centros infantís, unidades escolares e impón o repago de comedores”.

Exit mobile version