Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG asegura que a substitución de Gómez Puente por Ginzo na Deputación “demostra que o PP mercadea cos cargos públicos”

O PSdeG asegurou este martes que a dimisión do barreirense José Manuel Gómez Puente como deputado provincial e a súa substitución na corporación do organismo lugués polo alcalde de Trabada, José Manuel Yanes Ginzo, demostra que o PP “mercadea descaradamente cos cargos e os soldos públicos, utilizándoos como meras moedas de cambio, sen importarlle nada os intereses e o benestar dos mariñanos”. O socialistas, a través do voceiro do partido en Burela e deputado provincial, Alfredo Llano, subliñaron que esta práctica premeditada de “estás ti, pero logo póñome eu” deixa á luz “a frialdade e falta de respecto ós cidadáns e as regras democráticas coas que actúa a dereita”, e que “ós seus dirixentes non os move a defensa dos intereses dos veciños e a busca do progreso da comarca, senón como aproveitarse e repartirse os soldos públicos”.

Deste xeito, Llano cre que Feijóo debe “explicar se esta rotación de cargos á carta que, segundo recoñecen abertamente, se está a facer no PP da Mariña lle parece unha práctica normal e razoable”, ou polo contrario, como está convencido o PSdeG, se trata dunha “perversión do xogo democrático que deben corrixir”.

A situación é aínda “máis grave”, argumentou o socialista, tendo en conta que, tras a renuncia de Gómez Puente, producida días despois de que a Audiencia Provincial reabrise a causa polo escándalo na xestión urbanística do PP de Barreiros, o alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, non quixo substituílo, e finalmente é o de Trabada, Yanes Ginzo, o que ocupará o escano de deputado provincial.

Alfredo Llano considera que o rexedor xovense negouse a exercer “esta responsabilidade quizais porque xa cobra dabondo do Concello, de feito é o alcalde mellor pagado da provincia de Lugo, percibe máis de 54.000 euros ó ano por gobernar un muncipio de 3.500 habitantes, e non se quixo enfrontar ó complicado, ou máis ben imposible, labor de xustificar ante os seus veciños a actitude dun PP, co señor Balseiro á cabeza, que se prega constantemente á Xunta, a pesar de que está discriminando e castigando á comarca, con incumprimentos de obras estratéxicas como o acceso ó porto de Burela ou a Vía de Altas Prestacións da Costa, ou o deterioro de servizos que supón a pérdida de autonomía do hospital coa creación dunha única área sanitaria”.

O deputado provincial subliñou que estes non son os únicos exemplos de que os populares priorizan “os beneficios particulares sobre os xerais”, pois “todos recordamos as queixas dalgúns alcaldes do PP, entre eles o de Barreiros e a de Lourenzá, quen incluso admitiu que tería que pensar moito volver a presentarse, tras o recorte de soldos proposto polo Goberno de Rajoy na reforma da administración local”.

Exit mobile version