Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG critica que “a dereita baixa os brazos e suprime servizos” coa eliminación de Aduanas en Ribadeo “en lugar de loitar pola actividade industrial”

O PSdeG recibiu este mércores “con indignación” a decisión feita pública pola Axencia Tributaria estatal de suprimir a administración de Aduanas en Ribadeo. Os socialistas critican que “a dereita baixa os brazos unha vez máis e suprime servizos, na súa obsesión pola centralización, o recorte sen planificación de futuro e o abandono das zonas periféricas, en lugar de loitar pola recuperación da actividade industrial” en “zonas estratéxicas para Galicia como A Mariña”.

O deputado autonómico e voceiro de Economía do PSdeG Carlos González Santín censura a “resignación” e o “fracaso” da Xunta, que coas súas decisións e pasotismo ante as medidas do Estado “condena continuamente A Mariña e a provincia de Lugo a unha perda de actividade económica histórica, e non fai nada por evitalo”. González Santín lembra que Ribadeo é un punto clave no que é importante ofrecer este servizo aduaneiro para todo o tecido empresarial da zona e facilitar o tráfico de mercadorías de empresas como Ence, tendo en conta a competencia existente cos portos de Asturias.

Iniciativas contra a decisión
“En lugar de traballar por aumentar o movemento económico en toda a zona e no porto de Ribadeo, van cara atrás”, lamenta o parlamentario, que se suma coas súas críticas aos socialistas de Ribadeo, cuxo voceiro, Eduardo Gutiérrez, xa avanza que presentarán iniciativas no Concello e nas distintas institucións contra esta decisión.

Exit mobile version