Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG de Lugo denuncia privatizacións no servizo de comedores e “a obriga de pagar sen dar alternativas”

O PSdeG provincial de Lugo denuncia que a Xunta “está a darlle a empresas privadas o negocio dos comedores escolares a costa da supresión de servizos públicos no rural e de cobrarlle a 7.000 familias lucenses”. Así, os socialistas destacan o caso do CEIP da Ponte de Doiras, en Cervantes, onde o goberno galego suprimiu o servizo de comedor e agora págalle máis de 30.000 euros (24.957 euros máis IVE) a unha empresa privada para que transporte a comida ata o centro desde o CPI de Cervantes e leve persoal. “O goberno de Feijóo debe explicar quen sae perdendo aquí, se a empresa en cartos ou os nenos en calidade, e a resposta parece clara, e queremos saber por que a administración pública suprime servizos supostamente para aforrar que despois lle resultan rentables a unha empresa privada”, afirma o secretario de Educación na provincia, Carlos Ferreiro.

Por outra banda, os socialistas veñen de recibir queixas de pais de zonas do rural que solicitaron a posibilidade de mandarlles aos nenos comida da casa para non afrontar o repago do comedor, e que “recibiron a negativa dos centros, porque din que as empresas que xestionan o comedor non poden facerse cargo deses alumnos nin hai posibilidade de habilitar unha zona para que coman porque non terían coidador”. Polo tanto, os pais “vense obrigados a pagar o comedor”, censura Ferreiro. “Parece que a única opción sería pagar ou que os nosos fillos comesen un bocadillo fóra do recinto, no patio, porque a Xunta non dá ningunha outra alternativa”, afirma Fe Álvarez, coordinadora do PSdeG na Montaña lucense e ademais afectada en primeira persoa polo repago. “Ou pagas ou o teu fillo queda marcado, nunha política que fomenta as desigualdades e fai que os rapaces non sexan iguais á hora de ir á escola e pagar, cando as diferenzas deberían estar xa no pago de impostos”.

Mocións en todos os concellos por unha medida que “é ilegal”
O PSdeG presentará mocións en todos os concellos da provincia de Lugo para rexeitar o decreto do repago dos comedores que, lembran, “é ilegal”, coa fin de que os alcaldes do PP “deixen clara a súa postura e se están tamén dacordo con esta medida por partidismo ou se apoian realmente as familias e a legalidade vixente”. Os socialistas lembran que no artigo 82 da Lei Orgánica 2/2006 do 3 de maio de Educación di expresamente que “na educación básica, naquelas zonas rurais en que se considere aconsellable, poderase escolarizar os nenos nun municipio próximo ao da súa residencia para garantir a calidade da ensinanza. Neste suposto, as Administracións educativas prestarán de forma gratuíta os servizos escolares de transporte e, no seu caso, comedor e internado”.

Por outra banda, desde o PSdeG critican que co criterio do IRPF, no que a Xunta ten en conta os datos de 2012 para calcular a renda dunha familia, danse situacións nas que algún dos pais cambiou de situación laboral ou quedou en paro e ten que pagar máis do que lle corresponde, ao igual que non se teñen en conta outros aspectos como os pagos de taxas de sociedades e empresas.

4.000 nenos pagan case 100 euros mensuais en Lugo
O PSdeG lembra que co novo decreto máis de 7.000 nenos na provincia teñen que pagar polo comedor, 4.000 deles case 100 euros ao mes, e que por exemplo unha familia que gañe 1.000 euros netos mensuais ten que pagar polo servizo, “polo que é vergoñento que a Xunta trate de vender a historia de Robin Hood de quitarlle aos ricos para darlle aos pobres, porque iso non ten a máis mínima credibilidade”. Ademais, “o prezo do menú nin sequera é real, xa que un informe da CEAPA de 2011 afirma que o prezo medio do menú escolar en Galicia é de 4,1 euros e hai pais que pagarán 4,5, así que a dereita pretende que os pais paguen a súa mala xestión e crise que eles non provocaron”.

Exit mobile version