Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG di que a “inoperancia” da Xunta provocou que os Concellos non tivesen este verán, por primeira vez, persoal contratado co Fondo de Cooperación

O PSdeG di que a “inoperancia” da Xunta provocou que os Concellos da provincia non puidesen contar este verán, por primeira vez, con persoal contratado ó abeiro do Fondo de Cooperación Local, pois, tras convocar tarde as axudas, aínda as acaba de resolver agora, xa rematada a tempada estival. Esta tardanza en concedelas subvencións provoca “un grave prexuízo” ós 67 municipios lucenses, pois “está a piques de acabar a época na que os Concellos mellor aproveitan estes recursos e lle son máis operativos, xa que, cando máis traballadores necesitan é durante a primavera e o verán. En moitos casos dependen destas subvencións para afrontar certas tarefas e servizos”, explican os socialistas.

“Por riba da asfixia á que somete ás entidades locais con continuos recortes, a deixadez da dereita de Feijóo impídelles aproveitar ó máximo os cada vez menores recursos dos que dispoñen”, asegura o deputado provincial socialista e alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, que esixe á Xunta “que non se volva a repetir esta situación e conceda as axudas na primavera, como de feito viña sendo habitual nos últimos anos”.

Hai que ter en conta que os municipios adoitan utilizar as subvencións do Fondo de Cooperación Local para dispoñer de persoal destinado á limpeza e roza das estradas, conservación e mantemento de zonas e espazos naturais, protección civil e seguridade ou socorrismo, polo que, telos durante o inverno non resulta tan efectivo, tanto para o Concello, como para os propios beneficiarios. Estes contratos teñen unha duración de 6 meses e están destinados a persoas desempregadas co fin de ofrecerlles unha oportunidade para adquirir unha experiencia laboral mínima que favoreza a súa futura inserción laboral.

“Unha vez máis”, recalcan os socialistas, “a ineficacia e deixamento” do Goberno galego “dana os intereses dos pequenos municipios, xa lastrados polos continuos recortes e o baleirado de competencias que lles queren impoñer”.

Exit mobile version