Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG esixe á Xunta que reactive os investimentos nas praias da Mariña “para poñer fin ó deterioro en seguridade e servizos”

O PSdeG da Mariña esixiu este martes á Xunta que non se volva a repetir o ocorrido este verán e reactive os investimentos nas praias da Mariña para “poñer fin ó grave deterioro en seguridade e servizos públicos básicos que están a sufrir debido ós constantes recortes que vén aplicando dende hai catro anos”. O parlamentario e coordinador comarcal dos socialistas na Costa, José Ramón Val, advertiu neste senso que, que dende que goberna a dereita de Feijóo, “o número de socorristas caeu un 20%, de maneira que os concellos contan hoxe con entre 2 e 8 efectivos menos que no 2009”. Como exemplos puxo a Burela, que pasou de 10 a 8; Foz, de 20 a 16; Barreiros de 30 a 22, ou Viveiro que ten 6, cando chegou a ter 8.

Val subliñou que a insuficiencia dos recursos provoca de feito que “algúns areais queden durante toda a tempada estival sen protección, como é dende hai dous anos o caso do barreirense Punta Anguieira, moi concorrido por nenos e persoas maiores, o que sen dúbida aumenta o risco para os bañistas. Tamén se recortou en 15 días o período de prestación do servizo de socorrismo, polo que este ano na metade dos municipios costeiros –Foz, Barreiros, O Vicedo e Cervo- deixou de haber persoal en setembro, “a pesar de que segue habendo unha cantidade moi considerable de visitantes”, indicou o parlamentario socialista.

“As axudas cada vez son menos e, por riba, chegan tarde”, engadiu o deputado, o que retrasa as contratacións e provoca que “nalgúns lugares como Ribadeo comezara a tempada de baño sen socorristas, cuxa incorporación se tivo que retrasar ata mediados de xullo”. Neste senso, instou á Xunta a “axilizar a tramitación e resolver as axudas antes do verán” para que “os concellos poidan ter unha previsión, e evitar a incerteza e as trabas que lles ocasiona non coñecer o importe das subvencións ata mediados ou finais de xuño”.

A pesar das “nosas excelentes praias, que seguen atraendo cada verán a miles de persoas”, os efectos dos recortes “son cada vez máis evidentes”, lamentou o socialista: “Barreiros chegou a perder dúas bandeiras azuis este verán por falta de socorristas”. Ademais, a falta de fondos, por segundo ano consecutivo, para tarefas de limpeza “provocou deficiencias como as que xa denunciaron os compañeiros socialistas de Barreiros nos accesos a Altar, Acantilado e Anguieira, cheos de maleza e cubertos pola area, ou os de Cervo na pasarela de Cubelas, que de feito foi pechada polo concello polo seu perigoso estado”. Os recortes da Xunta obriga de feito ós concellos a asumir os labores de acondicionamento das praias cos operarios das brigadas municipais de obras.

“O PP debe esixir un compromiso do Goberno galego”
“Por sorte non temos que lamentar a estas alturas ningún incidente grave nas praias da Mariña, pero si noutra partes do territorio galego, nas que estes recortes provocaron algunha situación de perigo, e noutros casos tivemos que lamentar accidentes”, indicou o parlamentario, quen fixo por iso unha chamada á “responsabilidade” dos alcaldes e representantes do PP na comarca, como José Manuel Balseiro, para que “poñan por riba dos intereses partidistas as necesidades e benestar da xente, e reclamen con firmeza á Xunta, a administración con competencias claras na materia, un compromiso real para que poña fin o próximo verán a esta escalada de recortes”.

Val advertiu dos “impacto negativo” que o deterioro da seguridade e servizos dos areais ten sobre “un dos principais activos turísticos da provincia”, recalcando que, “por moitos esforzos que o Goberno galego diga facer para promocionar e desestacionalizar o turismo na comarca, todo será inútil se non garante recursos suficientes para manter a calidade das praias e, en xeral, de toda a costa”.

Exit mobile version