Site icon Crónica3.com A Mariña

O Servizo de Normalización Lingüística da Mancomunidade continúa co seu labor formativo en galego na Mariña

foto CELGA 2013   3O Curso de preparación para o Celga, que o Servizo de Normalización Lingüística da Mancomunidade de Concellos da Mariña Luguesa iniciou no mes de xullo no Concello de Foz, rematou esta semana logo de impartir un total 60 horas. Mº Luz Pérez Goás, técnico de Normalización Lingüística da Mancomunidade, profesora colaboradora da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e avaliadora das Probas Celga, foi a encargada de impartir este curso que tivo moi boa acollida. Foron numerosas as persoas interesadas en asistir, moitas delas aproveitando o período vacacional no Concello, coa intención de formarse e preparar as probas que terán lugar o vindeiro ano.

Do mesmo xeito, o Servizo segue co seu labor formativo en galego organizando outras actividades co obxectivo de promover o uso da lingua galega nos concellos mariñaos.

Para a xente maior, de entre 60 e 80 anos, está impartindo un Obradoiro de lectura e escritura en galego, cuxa iniciativa está tendo moi boa acollida. Xa son 6 os Concellos que solicitaron a súa realización, concretamente os concellos de Alfoz, Lourenzá, A Pontenova, O Vicedo, Ourol e Xove, coa finalidade de crear un espazo onde os participantes compartan o pracer da lectura en galego e se aventuren na escrita da lingua que falaron toda a vida.

Así mesmo, os inmigrantes da Mariña poderán ter a posibilidade de recibir información e formación en galego coa asistencia ao curso Iniciación á lingua galega para inmigrantes.

Comezará a próxima semana no Concello de Burela e está organizado por este Servizo coa finalidade de ensinar a nosa lingua a todas aquelas persoas que o desexen. Nestas xornadas facilitaranse as ferramentas lingüísticas necesarias para una iniciación á lingua galega así como toda a información necesaria para a súa formación. Este mesmo curso xa se realizou durante o mes de agosto no Concello de Ribadeo e tivo moita asistencia, participando persoas de 9 nacionalidades distintas.

Exit mobile version