Site icon Crónica3.com A Mariña

O vindeiro luns dan comezo as Escolas Deportivas Municipais de Foz con 11 modalidades

Foz, 25 de setembro de 2013. O vindeiro luns, 30 de setembro, darán comezo as escolas deportivas municipais de Foz con 11 modalidades. Ademais das actividades ofertadas nos últimos anos inclúen tres novidades: skate/bmx, padel e zumba xuvenil. O alcalde, Javier Jorge Castiñeira, agarda manter e incluso incrementar a cifra dos 100 matriculados que houbo noutras edicións.

O rexedor dixo que “a Concellería de Cultura e Deportes ofrece a todos os pais e nenos a posibilidade de matricularse en diversas actividades dentro das escolas deportivas municipais. Estas darán comezo o vindeiro luns, 30 de setembro”. E subliñou que “aparte de manterse todas as actividades que había o ano pasado increméntanse e temos tres novidades: skate/bmx, padel e zumba xuvenil. Apóstase por estas tres modalidades porque están de actualidade e son demandadas pola poboación”. Javier Castiñeira sinalou que “o de Foz é un dos primeiros concellos que pon en marcha estas actividades nas súas escolas deportivas. Tamén haberá pequexogos, teatro, ximnasia rítmica, ballet clásico, multideporte, patinaxe artística, que ten moita demanda, tenis e obradoiro de cerámica”.

Javier Castiñeira engadiu que “todos os pais deben acudir a inscribir aos seus fillos na Casa da Cultura ou entregar o impreso cuberto o primeiro día de curso aos propios titores. Máis de 100 rapaces soen participar nestas actividades e coas novidades postas en marcha contamos superar os datos da pasada edición, na que se deron cita 105 rapaces e rapazas”.

Exit mobile version