Site icon Crónica3.com A Mariña

O xoves 5 de setembro ábrese o prazo de matrícula na Escola Municipal de Música de Burela

Burela, 4 de setembro de 2013. Dende este xoves 5 de setembro e ata o 30 de setembro estará aberto o prazo de matrícula na Escola Municipal de Música de Burela. Para formalizar a inscrición os/as interesados/as deberán acudir á sede da escola, onde se lles facilitará a documentación necesaria. Será de luns a venres en horario de 10 a 14 horas.

Todos aqueles alumnos que desexen matricularse por primeira vez e sexan menores de idade, terán que presentar fotocopia do DNI dun dos pais, fotocopia do libro de familia e unha fotografía tamaño carné. Os maiores de 18 anos unicamente presentarán fotocopia do DNI e fotografía. No taboleiro da Escola Municipal de Música de Burela están publicados os horarios e as prazas vacantes das distintas especialidades instrumentais do presente curso.

O director do centro, Xan Carballal, sinala que “durante este curso, como en anos anteriores, a Escola de Música traballará na organización e desenvolvemento de diversas actividades, tanto a nivel escolar coma a través doutros colectivos, como poden ser cursiños de educación musical, luthería, concertos didácticos, obradoiros… nos que se traballarán contidos coma: apreciación musical, discriminación auditiva, coñecemento dos elementos da música, práctica instrumental, etc”.

Neste curso 2013/14 continuará aberta a aula de formación musical para adultos e o curso de música e movemento para nenos e nenas con idades comprendidas entre os catro e os oito anos, así coma as especialidades instrumentais e as materias complementarias coma a linguaxe musical, coro, interpretación, formación orquestral, banda…

Exit mobile version