Site icon Crónica3.com A Mariña

O xulgado nº2 de Mondoñedo estimou a demanda contra NovaGalicia Banco dun matrimonio de xubilados de Trabada con 40.000 euros en preferentes

Trabada, 12 de setembro de 2013. O xulgado de primeira instancia e instrución Número 2 de Mondoñedo estimou a demanda contra Novagalicia Banco S.A. interposta por un matrimonio de xubilados veciños do concello de Trabada, que tiñan 40.000 euros en participacións preferentes. A sentenza condena á entidade financeira a devolverlles aos afectados ese diñeiro menos parte dos intereses que tiñan percibido e tamén impón as costas do proceso xudicial a NGB.

O avogado dos demandantes é Patricio Viveiro Fernández, do bufete Mateo y Sánchez, que ten despachos en Lugo e Ribadeo. Despois de coñecer o fallo xudicial destacou que “é unha sentenza moi interesante, por estar moi ben fundada e ademais afecta a unha zona moi afectada por este tipo de casos, como é A Mariña Oriental”. Tamén explicou que se centra fundamentalmente nunha falta de información e dixo que o perfil dos afectados “é bastante usual: son dúas persoas xubiladas, maiores, que teñen uns aforros de toda a vida e moitísima confianza ca persoa que lles vendeu o produto, que llelo ofreceu sen darlles ningún tipo de información dos riscos que estaban asumindo. Véndellelo como se fora un depósito a prazo fixo garantido; realmente a frase que utiliza é que está totalmente garantido, que non hai risco”.

Patricio Viveiro comentou ademais que os demandantes “son clientes da sucursal de toda a vida, durante 30 anos, e teñen moita confianza coa persoa que llelo vende e, obviamente, fíanse. A sentenza recolle esta característica e a peculiaridade deste caso é a declaración desta persoa que lles vendeu o produto, que é sincera porque recoñece que el non tiña coñecementos suficientes para vender este produto, que o vendeu efectivamente como un depósito porque el consideraba nese momento que non ía haber ningún tipo de problema, que non había risco. Recoñece así mesmo que deu unha información nesgada, realmente só falou cunha das persoas da parella pese a ser cartos gananciais. Recoñece tamén que a persoa que firmou o contrato cando o fixo preguntoulle a el as dúbidas pero non o leu. Esta quizais sexa a peculiaridade, que difire doutros casos, nos que as declaracións son distintas”.

O avogado tamén destacou que “hai un test de conveniencia que dá como resultado non conveniente, o que significa na práctica que a persoa á que se fixo, segundo un test do propio banco, non pode entender o produto que se lle estaba vendendo; e aínda así véndeselle”.

Todo isto “nunha sentenza moi ben fundada e moi clara dá como resultado un fallo favorable a estes aforradores, con condena en costas, o cal é moi interesante porque hai moitos casos nesa zona que se poderían encadrar neste perfil”, manifestou Patricio Viveiro, quen rematou explicando que o fallo “declara a nulidade contractual, neste caso eran 40.000 euros, e acorda a devolución dese nominal aos aforradores menos os intereses percibidos durante estes anos. Di ademais que se compensará co interese legal desde presentación da reclamación en Consumo e, como o produto fora contratado no ano 2009, supón perder uns 4.000 euros do total”.

Exit mobile version