Site icon Crónica3.com A Mariña

Os colectivos culturais “Os Tres Pés” e “Ollomao” organizan conxuntamente o roteiro “Camiño da Prehistoria”

prehistoria (1)Ofrecer unha xornada para o paseo, historia, fotografía, natureza e convivencia é o obxectivo do roteiro que organizan de maneira conxunta entre o Colectivo Cultural “Os Tres Pés” de Trabada e “Ollomao”, de Barreiros, e que terá lugar este domingo, 22 de setembro, desde as 10h. da mañá ata media tarde. Ambas asociacións veñen incorporando este tipo de actividade aos seus respectivos calendarios culturais como un xeito de dar a coñecer o entorno de preto. Esto, xunto coas semellantes características culturais, de tradición e sociodemográficas que hai entre estes dous concellos veciños, levou ás entidades organizadoras a pór en marcha unha actividade conxunta que servira ademais como unha xornada para a convivencia intermunicipal.

O roteiro “Camiño da Prehistoria” xurde tamén en vistas de que unha das semellanzas entre os concellos de Barreiros e Trabada é a existencia de distintos achádegos arqueolóxicos, os cales ademais de atoparse practicamente en estado de abandono, son moitas veces descoñecidos pola veciñanza. Así pois, neste roteiro, as entidades organizadoras queren dar a oportunidade de visitar puntos de interese como as “Mámoas das Pallaregas” situadas en Vidal (Trabada) ou o “Marco da Pena Verde” que sinala o linde entre os concellos de Barreiros, Trabada e Ribadeo, así como coñecer a historia do “Monte das Fachas” da man dun experto na historia da comarca mariñá que acompañará durante todo o percorrido.

O roteiro, dun total aproximado de 16km., está organizado para ser realizado en dúas etapas no mesmo día, cunha pausa para o xantar no monte da Cadeira. A primeira etapa discorrerá por distintas parroquias do termo municipal de Barreiros, o punto de saída está sinalado ás 10:00h. da mañá no cruce da N-634 en Vilamar-Barreiros- (ao lado do Café-Estanco “Xunqueira”) onde as persoas asistentes poderán deixar aparcados os seus vehículos. O percorrido continuará cara a San Xusto, Val do Caínzo, Ibia e subida ao Monte da Cadeira. Neste último punto está previsto facer unha pausa para o xantar e continuar arredor das 15:00h. coa segunda etapa do roteiro que discorrerá por parte do termo municipal de Trabada. O punto final do roteiro está sinalado nas “Mámoas das Pallaregas” en torno ás 17:30h. Dado que o percorrido non é circular, de xeito que o punto de saída e final non son o mesmo, a organización encargarase de trasladar ás persoas participantes aos seus vehículos.

Dende “Os Tres Pés” e “Ollomao” informan que a ruta planificada discorrerá parte por camiño asfaltado e parte por camiños de terra. Aconséllase ás persoas que participen, ir provistos con calzado e roupa axeitados. Asimesmo, cada persoa deberá levar a súa propia comida e bebida para ser consumidas durante a pausa para o xantar. Esta actividade é libre e de balde para todas as persoas interesadas, non sendo preciso apuntarse por adiantado, abonda con estar no lugar e hora indicados para o punto de saída. Calquera dúbida en relación a esta actividade pode ser dirixida por correo electrónico a calquera dos enderezos das asociacións organizadoras: ostrespes@gmail.com e colectivo.cultural.ollomao@gmail.com, como por teléfono, no número 659786735 (Sandra).

Por outra banda, dende o Colectivo Cultural Ollomao informan tamén que ata o 30 de Setembro estará aberto o prazo para a participación no certame fotográfico “Enfocando Barreiros: O rural barreirense no obxectivo”. Animan a todas as persoas que gusten da fotografía a tomar parte neste roteiro sendo unha boa ocasión para a captura de instantáneas da zona rural de Barreiros. As bases para a participación no concurso están dispoñibles no blog do colectivo: http://www.blogoteca.com/ollomao/.

Exit mobile version