Mondoñedo, 5 de setembro de 2013- O Partido Popular de Mondoñedo vén de rexistrar este xoves unha iniciativa plenaria para o seu debate na próxima sesión e na que pide a posta de funcionamento inmediata da obra de saneamento da parroquia das Sasdónigas, cuxa estación depuradora construíuse fai máis de tres anos e nunca chegou a dar servizo.
Dunha maneira máis concreta, os populares instan ao equipo de goberno do Concello de Mondoñedo a que de xeito urxente realice as xestións oportunas para corrixir as deficiencias que poda presentar a obra e dar uso o antes posible ao servizo de saneamento da parroquia de Sasdónigas, así como da estación depuradora.
O Partido Popular de Mondoñedo explica que membros da súa formación comprobaron in situ a situación na que se atopa esta obra. Cun acceso moi dificultoso á estación depuradora dado a maleza que presenta a localización, a visita a zona evidencia que esta infraestrutura non consumiu nin un só ‘kilovatio’ de enerxía eléctrica, o que comproba que non chegou a funcionar.
Desatención por parte do goberno municipal
A iniciación do expediente desta obra realizábase en xaneiro de 2009 con cargo ao Fondo Estatal de Inversión Local, e cun presuposto de licitación cifrado en 332.622,91 euros. Así o explican os populares, ao tempo que lembran que ao largo deste ano moitos veciños denunciaron o desatino da execución da obra, trasladando en varias ocasións instancias persoalmente ao Concello, solicitando a alta do servizo, que a día de hoxe non foron atendidas.
De igual maneira, ante esta situación os populares tamén presentaron varias preguntas plenarias en relación a posta en funcionamento deste servizo, e instando a que se corrixan as deficiencias, sen acadar éxito ata a data.
Máis de 200 millóns de pesetas en obras que presentan deficiencias
Os populares explican que este servizo é de gran importancia para os veciños da localidade, polo que consideran que dende a administración local se deben tomar as medidas oportunas para que funcione unha obra que leva máis de tres anos feita.
Ante esta situación, dende o Partido Popular lamentan que esta obra se convertese nun exemplo máis de construción da que non se vixiou a súa materialización e onde se reflicten deficiencias no seu acabado.
Neste senso, os populares alertan de que Orlando González manexara máis de 200 millóns de pesetas en obras que ou ben nunca chegaron a funcionar, ou ben, en referencia a obra do entorno da Catedral e da Fonte Vella, provocaron a inhabilitación de espazos públicos e dificultaron o día a día dos veciños ofrecendo ademais unha imaxe pésima para os visitantes.