Site icon Crónica3.com A Mariña

Os populares de Viveiro presentan unha moción para instar á Xunta a atender os pacientes oncolóxicos no Hospital da Costa

O grupo municipal do Partido Popular a través do seu viceportavoz, Jaime de Olano Vela, en base á lexislación vixente, presenta unha moción relativa á atención e tratamento de pacientes oncolóxicos no Hospital da Costa.

O novo modelo de integración sanitaria da provincia de Lugo contribúe a afondar na coordinación e capacidade de resposta do SERGAS ante o cidadán, o que debe traducirse nunha mellora na prestación e calidade dos servizos públicos sanitarios.

Entre as vantaxes da nova organización tense demostrado que os hospitais públicos -como o de Burela- non só non teñen eliminado ningún servizo ou unidade, senón que, na práctica, acontece todo o contrario: un reforzo da súa carteira de servizos, evitando o desprazamento de pacientes, sempre que este clinicamente indicado e sexa posible.

O Partido Popular ven defendendo a necesidade de reforzar os recursos e servizos existentes no Hospital da Costa. Está a facelo impulsando, dende a responsabilidade de goberno na Xunta o proxecto de ampliación do centro –contratación do proxecto de redacción do plan director– pero tamén, demandando a dotación de novos servizos e, máis en concreto, a posibilidade de que os pacientes oncolóxicos da Mariña lucense poidan recibir a asistencia o seu proceso e a quimioterapia no lugar máis cercano, no hospital de Burela.

Sen lugar a dúbidas que os doentes oncolóxicos poidan recibir o seu tratamento médico no centro hospitalario máis próximo o seu domicilio, constitúe unha vantaxe evidente tanto para a propia persoa afectada -que xa de por si ten que batallar cos efectos secundarios do tratamento- como tamén para as súas familias. Deste xeito, poderían evitarse longos traxectos pois ata o de agora estes enfermos teñen que desprazarse ata Lugo ou á Coruña.

Polo que, debido ó anteriormente exposto, propoñen que o Pleno da Corporación municipal de Viveiro acorde instar á Xunta de Galicia a atender ós pacientes oncolóxicos da Mariña lucense -durante a maior parte posible do seu proceso- no lugar máis próximo ó seu domicilio, isto é, no Hospital da Costa, en Burela.

Exit mobile version