Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas acusan á Xunta de “facilitar e procurar axudar” aos responsables de saltarse a legalidade na urbanización do Concello de Barreiros

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 13. O portavoz de Ordenación do Territorio do Grupo Socialista, Xosé Sánchez Bugallo, dixo hoxe que a Xunta “lonxe de velar polo cumprimento da legalidade parece centrar o seu labor en facilitar e procurar axudar a case todos aqueles que a saltaron”. Así o dixo no debate en Comisión dunha pregunta sobre a vulneración da legalidade urbanística no concello de Barreiros.

O responsable socialista amosou a súa sorpresa pola decisión do goberno galego de “renunciar a pedir ningún tipo de responsabilidades” por esta desfeita que “asúmese como algún tipo de catástrofe natural, cando en realidade houbo unha decisión” para que o concello autorizara ilegalmente 5.800 vivendas para un concello de 3.200 habitantes.

Advertiu que o goberno galego quere impoñer un custe “excesivamente barato” para os responsables de ter construído as vivendas ilegais, destruíndo para iso o entorno natural. Así o dixo logo de constatar o custe de 1.200 euros por vivenda para os promotores, o que considera “excesivamente barato para os que teñen rendibilidade vendendo as vivendas”.

Sánchez Bugallo preguntoulle ao goberno galego si esta resposta será “o criterio xeral de aplicación en tódolos demais casos que poida haber” de vulneración da legalidade urbanística”.

Plan sectorial

O responsable socialista preguntoulle ao goberno galego por un conflito que deriva do 26 de maio de 2011, cando a Xunta aprobou o Plan Sectorial de Barreiros, que foi anulado polo TSXG no pasado mes de xuño por ilegal, nunha sentenza que apuntou “desviación de poder” na actuación do goberno galego.

Sánchez Bugallo criticou que “hai quen gaña, como os especuladores ou os propietarios dos terreos, e quen perde, como os compradores, os cidadáns de Barreiros e tódolos galegos polo maltrato á costa” cunha actuación que o propio goberno galego, presidido por Touriño, intentou paralizar en febreiro de 2007, o que daquela foi legalmente imposible e que provocou danos en algún caso irreparables.

Exit mobile version