Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas celebran a Festa do Bonito de Burela reivindicando un “verdadeiro compromiso da Xunta polo futuro da Mariña”

O PSdeG celebra este sábado unha nova edición da Festa Socialista de Burela na praza de abastos da localidade mariñá, un encontro no que participan militantes e simpatizantes do partido na comarca, ademais de numerosos cargos locais e provinciais, entre os que se atopa o secretario de Organización na provincia, Juan Carlos González Santín, e o coordinador comarcal, José Ramón Val Alonso. Os socialistas aproveitaron esta cita para reivindicar “un verdadeiro compromiso da Xunta polo futuro da Mariña”, ante a sucesión de “incumprimentos e recortes que vén aplicando a dereita de Feijóo en ámbitos como a sanidade, ensino, servizos sociais ou infraestruturas”.

Neste senso, Santín recalcou a necesidade de “seguir abastecendo de combustible a un dos grandes motores económicos” da provincia como é A Mariña, pois aporta un terzo do PIB de Lugo, e en concreto apostou polo impulso do sector pesqueiro, unha actividade “estratéxica” na comarca, que conta con dous portos de referencia no Cantábrico como son o de Burela e Celeiro polo seu volume de operacións e facturación. O socialista recalcou a necesidade de estar “en permanente diálogo co sector para defender os seus intereses e resolver os seus problemas” e demandou unha “aposta decidida” por iniciativas encamiñadas á “xeración de valor engadido dos produtos pesqueiros, e que axuden a súa transformación, comercialización e promoción”.

Esixiu tamén “avances claros e reais” na ampliación do Hospital da Costa, o acceso ó porto de Burela ou a Vía de Altas Prestacións da costa, “todos compromisos incumpridos pola Xunta”, ademais de rexeitar “o deterioro na sanidade provocado pola supresión de tres prazas de médico nos últimos meses”, e o ensino, coa imposición do repago dos comedores, a supresión de prazas de monitores e a eliminación de unidades escolares.

Exit mobile version