Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas de Burela instan ó equipo de “desgoberno” a conxelar o Imposto de Bens Inmobles

Dende o PSdG-PSOE de Burela, queremos mostrar o noso apoio á iniciativa do equipo de “desgoberno” de Burela referente á posibilidade que se lle vai abrir ós veciños e veciñas de Burela de poder fraccionar o pagamento do Imposto de Bens Inmobles (IBI). Por fin podemos ver un xesto do noso equipo de “desgoberno” cos nosos veciños e veciñas, e despois de recoñecer que as súas políticas están a facerllo pasar mal á xente que reside no noso pobo, e citamos textualmente da súa nota de prensa: “hai familias ás que lles está a custar sortear a difícil situación que estamos a vivir”, entendemos esta medida como positiva.

O que non entenderíamos é que adopten este tipo de medidas, obrigados pola grande cantidade de impagos que se están a suceder, e despois se siga na política de seguir incrementando este imposto nun orde dun 10%, e que de ser así acumularía unha subida do 30% dende que o Partido Popular se fixo cargo do goberno de Burela. Entenderíamos isto como unha incongruencia e un incumprimento máis do programa electoral co que o Partido Popular de Burela se presentou ás eleccións, enganando unha vez máis ós veciños e veciñas que lle deron o seu apoio en función dese programa.

Queremos instar ó equipo de “desgoberno” do Partido Popular de Burela a que adopte as medidas precisas ante quen proceda para, cando menos, manter unha conxelación do Imposto de Bens Inmobles (IBI) en Burela, xa que, como xa denunciamos en ocasións anteriores temos veciños e veciñas de Burela que pagan por este concepto máis que veciños e veciñas de cidades como Santiago de Compostela.

Exit mobile version