Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas de Cervo tildan de neglixencia o feito de que o goberno non comunicase a non aptitude da auga para o baño en Cubelas e a dotase igualmente de socorrista

CERVO, 7 DE SETEMBRO. Os socialistas de Cervo denuncian a deixadez de funcións do equipo de goberno en torno á xestión das praias do municipio, “non só recoñecen o perigo dos accesos á Cubelas en pleno mes de setembro sen ter atendidas as necesidades que houbo durante o verán, senón que van máis aló. Temos que engadir a irresponsabilidade de manter as praias de Cubelas e Rueta abertas ó baño cando a mesma Xunta de Galicia lles comunicou a principios de xuño que as súas augas non eran aptas para o baño”.

Dende o Grupo Municipal Socialista explican que “non o dicimos nós, temos constancia de que a Xunta de Galicia enviou un escrito ó Concello onde alertaban de non ter carteis informativos sobre a calidade das augas e a recomendación de non bañarse nin en Cubelas nin en Rueta. Asimesmo, deixaban ben claro a obrigatoriedade do Concello de comunicar esta información ós usuarios, pois así o recolle o Real Decreto 1341/2007 e a Directiva 2006/7/CE do Parlamento Europeo e do Consello. Nin unha cousa nin outra, fixeron caso omiso, unha auténtica burla”.

Por se fose pouco o feito de non cumprir coas súas obrigas, subliñan que “tiveron a ousadía de dar un paso máis e ser capaces de dotar a praia de Cubelas de servizo de socorrismo sabendo de primeira man a non aptitude das augas para o baño. Esta é a actitude do goberno de dereitas de Cervo, cremos que deben con urxencia unha explicación ós cervenses e visitantes”.

Os socialistas insisten “na desfachatez e pouca decencia do goberno do PP, xa que esta actitude é unha irresponsabilidade total e absoluta pois se ocurrise unha desgracia ¿a quen se lle ían pedir responsabilidades?”.

Exit mobile version