Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas sinalan que o PP utiliza apolítica educativa como “arma de destrución masiva contra a igualdade de oportunidades”

Vicente Docasar1Santiago de Compostela, 16 de setembro de 13. O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Vicente Docasar, acusou este luns ao PP de utilizar a política educativa da Xunta como “arma de destrución masiva contra a igualdade de oportunidades”. O parlamentario socialista fixo hoxe un balance negativo da xestión da política educativa do goberno galego coincidindo co comezo do curso en todo o ensino obrigatorio.

Docasar criticou o agochamento dos datos sobre a redución do número de profesores no ensino público, que “mentres algúns falan de 1.200 prazas os datos da Consellería de Facenda ascenden a 3.900”. Esixiulle ao goberno datos fiables e advertiu que o único certo é que “seguen eliminando prazas de profesores mentres hai 17.350 alumnos mais” e a Xunta insiste en dicir que “se está a mellorar a calidade da educación”.

Advertiu tamén que a “nefasta política de bolsas” do goberno galego, que cualificou de “cruel, elitista e clasista” por estar “pensada para disuadir aos estudantes procedentes de familias humildes” de ir á universidade. Advertiu que a redución das bolsas e o incremento da nota esixida “pode incluso impedir que xóvenes do medio rural non poidan acceder ao Bacharelato ou á FP superior”.

Engadiu que a desaparición do servizo de comedor gratuíto aos nenos do rural que teñan que desprazarse para ir á escola constitúe “un novo ataque ao medio rural” ao quitarlles de novo servizos esenciais. Mentres, alertou que hai concellos que “quedan sen servizo educativo”, e citou os lugueses de Negueira de Muñiz e Ribeira de Piquín.

Docasar anunciou “todo tipo de medidas, tanto políticas como xudiciais, para restablecer o servizo de comedor”, dixo que “as primeiras xa están en marcha, e as segundas –as xudiciais- en mans dos nosos expertos xurídicos”.

Salientou que este curso será o primeiro sen servizo de comedor gratuíto para o rural en 40 anos, cun recorte “ao que nin sequera se atreveu a gran campiona dos recortes”, en alusión á presidenta de Castela A Mancha, Dolores de Cospedal. Acusou ao presidente da Xunta de eliminar un servizo creado durante a ditadura de Franco, en 1970, ao amparo da Lei de Ensino de Vilar Palasí.

Normalidade
Vicente Docasar considerou irónico que con todos estes datos a Consellería de Educación fale dun inicio de curso “marcado pola normalidade”. Preguntou si a normalidade do goberno galego inclúe ter á comunidade educativa “en pé de guerra par rexeitar unha nova Lei educativa” que ten xa un acordo para a súa derrogación polo conxunto da oposición no Congreso dos Deputados.

Tamén lamentou que a Xunta inclúa dentro da “normalidade” que as Anpas se teñan que autoorganizar por toda Galicia para constituír “bancos de libros” que impidan que haxa nenos e nenas que teñan dificultades para adquirir os libros.

O parlamentario socialista criticou a “hipocresía e dobre moral” do PP, que asegura defender ás familias “pero non se defende ás familias facéndolles pagar os comedores escolares ao rural, pechando colexios e escolas unitarias, retirando as bolsas nin permitindo a emigración dos nosos investigadores ou titulados universitarios”.

Exit mobile version