Site icon Crónica3.com A Mariña

Proxecto Ríos inicia a campaña de outono

O Proxecto Ríos é unha iniciativa de Educación e Voluntariado Ambiental promovida por ADEGA e financiada por Augas de Galicia e o IET. A finalidade deste programa é dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.

Durante esta campaña de outono están programadas saídas formativas con distintas entidades (centros de ensino de primaria e secundaria, concellos, asociacións, grupos ecoloxistas,…). As saídas formativas consisten en realizar roteiros polo río escollido desenvolvendo e explicando a un grupo de participantes do Proxecto Ríos a metodoloxía e partes do programa. Na saída explicaranse de maneira didáctica os pasos a seguir para que o grupo de voluntarios poda logo desenvolver o programa autonomamente.

Ademais queremos dar conta das actividades programadas polo Proxecto Ríos para esta campaña de outono:

Faremos o XVIII Curso de Formación de Coordinadores/as na Estación de Hidrobioloxía do Encoro do Con o sábado 28 de setembro. Desta volta afondaremos no recoñecemento da flora e a vexetación que habita nos nosos ríos. Como sempre, parte da xornada empregarémola á recollida e identificación de macroinvertebrados.

Estamos a organizar outro ano máis a Limpeza Simultánea de Ríos, que xa vai pola súa sexta edición. Será o domingo 29 de setembro. Se estás interesado/a en participar podes contactar cos coordinadores/as de grupo dos diferentes ríos nos que se vai limpar a través da web: http://limpeza.proxectorios.org/ ou mandar un e-mail a pacobanhobre@adega.info.

Pódese consultar o calendario completo en www.proxectorios.org.

Exit mobile version