Os mesmos cidadáns que se viron obrigados a deixar a súa terra, os mesmos que enviaron divisas para mercar os primeiros electrodomésticos que se viron nas aldeas galegas, os mesmos que axudaron aos familiares de aquí a mercar casas e leiras para liberalos dun sistema feudocaciquil, eses mesmos galegos, que agora, con setenta, oitenta ou noventa anos, moran na terra que amaron e soñaron dende a emigración, eses mesmos! son agora tratados como defraudadores fiscais, como vulgares delincuentes, cando o que fixeron durante toda a súa vida profesional foi investir –diñeiro, ideas e proxectos- no seu país.
A campaña recadadora que a Axencia Tributaria está a perpetrar, baséase nunha lei do ano 2006, a cal, curiosamente, non foi presentada en sociedade até o ano en curso, para deste xeito, poder aplicar o carácter retroactivo e máis os intereses de demora ás vítimas das sancións. Sancións que están a desacougar e empobrecer a milleiros de emigrantes retornados en Galiza e no resto do Estado.
Descoñecemento e desinformación foron cómplices necesarios da Axencia Tributaria para artellar esta operación de depredación; inxusta, aleivosa e miserábel.
Por todo isto, decidín sumarme a un proxecto xurdido da indignación e da carraxe de moitos emigrantes, fillos de emigrantes e cidadáns solidarios dispostos a deter este atropelo, trátase do Colectivo de Emigrantes Retornados da Mariña, o cal, agrupa non só aos afectados actuais, senón aos susceptíbeis de selo pola súa condición de retornados. Lembremos que xa chegaron moitas notificacións con expedientes sancionadores, mais a meirande parte delas aínda están por chegar.
A mensaxe e obxectivos deste recen nado colectivo son claros: Non ás sancións, non aos intereses de demora, non ao carácter retroactivo destes expedientes e devolución do diñeiro aos retornados que xa regularizaron a súa situación.
Cómpre salientar que este berro de loita e esperanza non só se está a escoitar na Mariña, comarcas de toda Galiza contan xa con plataformas de afectados dispostas a mobilizarse, a facerse escoitar en plenos e parlamentos, a defender a dignidade dos nosos emigrantes e a non deterse até conseguir os devanditos obxectivos.
Fica claro que até que non se modifique a lei que atinxe aos retornados, non recibirán un trato xusto por parte da Axencia Tributaria, e digo xusto, non privilexiado, como veñen de recibir quen se acolleron á amnistía fiscal, unha norma feita á carta para defraudadores e evasores profesionais… Que peculiar é o concepto de legalidade que nos demostra o Estado español.
Lionel Rexes