Site icon Crónica3.com A Mariña

Suárez Barcia fai unha chamada á participación na concentración deste mércores en Ribadeo para denunciar a supresión dunha praza de médico

Ribadeo, 17 de setembro de 2013. O alcalde, Fernando Suárez, fai unha chamada á participación na concentración que haberá mañá en Ribadeo para denunciar a supresión dunha praza de médico no centro de saúde. A mobilización foi convocada pola plataforma en defensa da sanidade pública. Suárez Barcia considera que a Xunta está a levar á sanidade en Ribadeo a parámetros e criterios médicos de hai 30 anos.

O rexedor sinalou que “unha das cousas máis fermosas que ten a democracia é precisamente que cando alguén non está de acordo con algo que un goberno fai é mostrar a súa repulsa ou manifestar publicamente a súa discrepancia con esta actitude”. Suárez Barcia explicou que “digo isto porque para o día de mañá a plataforma en defensa da sanidade pública convoca en Ribadeo diante do centro de saúde unha concentración de repulsa contra o recorte, contra a amortización dunha praza de médico aquí. Esta medida lévanos a parámetros e a criterios médicos de hai 30 anos, cando con moita menos poboación da que hoxe temos había incluso máis médicos dos que hai agora”.

O alcalde ribadense indicou que “desde o Concello de Ribadeo, trataremos isto nun pleno e vindeira semana, e como alcalde síntome na obriga de pedirlles aos veciños e ás veciñas que, precisamente mañá día de mercado semanal se van achegar a Ribadeo, fagan un oco nas súas axendas para vir á concentración que terá lugar diante do centro de saúde ás 11:30 horas”.

Fernando Suárez engadiu que “en Ribadeo non nos caracterizamos os veciños e as veciñas deste concello de comulgar con rodas de muíño. E ademais dicir que nestes momentos de dificultades o que diferenza a un país derrotado dun país orgulloso son unha educación e unha sanidade públicas e de calidade, xusto o contrario do que nestes tempos se está a facer”.

O rexedor pensa que “é boa cousa que mañá todos e todas vaiamos a esta concentración a dicirlles aos responsables da Xunta que este camiño no que están metendo á sanidade pública non é o correcto, que se están equivocando e que están a tempo de rectificar”.

Exit mobile version