Site icon Crónica3.com A Mariña

Supercopa de España, novo reto ante un eterno rival

bfsf-1314O Burela FS Pescados Rubén internarase nun novo reto esta fin de semana ante un eterno rival; en terras madrileñas agárdao o primeiro chanzo cara á Supercopa de España. Despois de arrebatarlle o título de liga e Copa de España, o cadro mariñán volverá verse as caras co Atlético de Madrid Navalcarnero o domingo, as 13.00 horas (pavillón La Estación).

A escuadra laranxa partirá mañá ás 13.30 horas con rumbo ao encontro de ida da Supercopa, coa mala noticia das ausencias de Jozi, Paula e Marcela por lesión. “Dispoñemos dun cadro xusto e saltaremos á pista do Navalcarnero co hándicap de tres baixas, o que nos dará menos posibilidades e xogo. No entanto iso non serve de desculpa. Intentaremos sacar o máximo rendemento ao equipo; temos capacidade de sacrificio, pundonor e traballo para competir a un alto nivel e podemos intentalo. Se sabemos medir os tempos poderemos chegar aos minutos finais mantendo o nivel físico para competir” explicaba con optimismo o técnico laranxa, Quico Otero.

O viveirense tamén destacou o entusiasmo que reina no vestiario por este novo desafío: “Imos coa máxima ilusión para regresar con algo positivo de Madrid” aseguraba o adestrador, reflexionando sobre o reencontro, sobre o cara a cara do domingo: “Chegamos en dous momentos moi diferentes. Medirémonos a un equipo moi feito, con case toda a base do ano pasado, e nós estamos nun período de cambios e aclimatación, aínda que tamén é certo que a resposta está sendo excelente por parte de todo o grupo”.

Vista Alegre vivirá a gran final co seu arquirrival no encontro de volta o sábado 14 de setembro, ás 20.30 horas. A bomboneira será unha festa!

ENLACE AO TRÁILER ‘NON ERA UN SOÑO!’, DE ARRACADA PRODUCIÓNS

Exit mobile version