Site icon Crónica3.com A Mariña

Talleres de oficios tradicionais, teatro e karaoke no II Día Interxeracional de Barreiros

Barreiros, 16 de setembro de 2013. O campo da festa de San Xusto acollerá o vindeiro sábado, 21 de setembro, o II Día Interxeracional que organizan a Rede de Voluntariado Local e o departamento de Servizos Sociais do Concello de Barreiros.

Os actos programados darán comezo ás 11 da mañá cunha charla sobre o oficio de bombeiro que será pronunciada por persoal do parque de bombeiros de Barreiros. De 12 a 14 horas haberá talleres de oficios tradicionais no que se darán cita redeiras de Burela, trapillo, cestería e carpintería-ebanistería.

Ás dúas da tarde dará comezo a comida campestre, “as persoas que acudan ao II Día Interxeracional traerán as súas cestas e os seus manteis e participarán nunha xornada de confraternidade entre xeracións e familias. Con motivo do día das persoas maiores que se celebra o 1 de outubro quixemos organizar esta cita na que veciños e veciñas compartan unha xornada para todas as idades, desde os máis grandes aos máis pequenos da casa”, explican desde a organización.

Unha vez rematado o xantar de 16:30 a 17:30 horas haberá teatro a cargo do grupo de teatro da asociación VEA, que porá en escena Curtas humorísticas. O II Día Interxeracional concluirá cunha sesión de karaoke para todas idades.

O alcalde, Alfonso Fuente, anima “a todos os veciños e veciñas do noso concello a acudir o vindeiro sábado a San Xusto a compartir unhas horas de lecer, de amizade… entre todos”.

Exit mobile version